Startup Galicia recibirá o Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG na Noite da Enxeñaría en Informática
xoves, 30 de abril do 2026

- Carmen Pumariño no evento As Nosas 2026 de Startup Galicia
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concederá o Premio Iniciativa Emprendedora á iniciativa Startup Galicia no marco da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026.
O CPEIG destaca que Startup Galicia é a asociación de emprendedores máis grande de Galicia, con 130 socios que pertencen ao ecosistema e que representan a preto de 200 novas firmas innovadoras (startups), e que “a misión de Startup Galicia é xerar ecosistema de emprendemento tecnolóxico e innovador en Galicia”. Trátase ademais dunha comunidade aberta e inclusiva, liderada por persoas emprendedoras, dinámica, e colaborativa para impulsar o emprendemento en, con talento galego ou dende Galicia.
Segundo o CPEIG, Startup Galicia salienta polo seu papel clave no ecosistema emprendedor galego. “Desde 2016, esta comunidade impulsou o emprendemento tecnolóxico cunha filosofía de colaboración xenuína, conectando persoas, dando visibilidade a ideas e acompañando a quen se anima a innovar. Con case dez anos de percorrido, converteuse nun punto de referencia natural para calquera emprendedor, desde quen comezan ata quen escala internacionalmente. Startup Galicia visibiliza o talento galego en tecnoloxía e innovación, promovendo resultados sen buscar protagonismo. Por iso, este premio é un merecido recoñecemento ao impacto real e positivo que ten a asociación no ecosistema emprendedor da nosa comunidade”, destaca o Colexio.
Desde Startup Galicia están convencidos do impacto do seu traballo na sociedade galega, “porque traballar para o ecosistema é bo para todos, retroalimenta o noso ecosistema e, por tanto, a Galicia: dá osíxeno ás novas firmas innovadoras que xeran postos de traballo e oportunidades, ás persoas que lideran e traballan nestes proxectos que conectan con outras persoas con retos similares, aos BAs (Business Angels, polas súas siglas en inglés), é dicir, aos investidores que se comprometen, aportan capital e poden gañar cartos coas startups, ou ben ás tractoras/corporacións que logran competitividade grazas á innovación”.
Engade o CPEIG que “nos seus preto de 10 anos de historia, Startup Galicia vén dinamizando o ecosistema con actividades que axuden a conectar e aflorar as iniciativas emprendedoras en fase máis inicial, apoiar e facer seguimento das novas compañías que xorden, impulsar formacións apoiando as súas necesidades, organizar eventos para axudar nas relacións entre startups e empresas tractoras, investidores e mentores, e empurrar ás vendas e visibilizar os proxectos en Galicia e máis alá tanto a nivel nacional como internacional”.
As súas accións, que achegan valor á comunidade, resúmense en inspirar, compartir e aprender. Inspiran, por exemplo, a través de novos referentes nos eventos ask me anything ou nos mentor office hours; comparten nas esmorgas, citas informais entre cervexas para facer contactos, ou nas súas canles online; e aprenden en espazos como os fiadeiros, as súas formacións, ou nos formatos Conecta Empresas, centrados en poñer en contacto empresas xa consolidadas con novos proxectos. En total, os eventos de Startup Galicia acadaron máis de 1.000 asistentes no último ano.
Unha das ferramentas coas que traballa é o seu mapa do emprendemento, con preto de 200 novas firmas innovadoras localizadas. A través das plataformas corporativas de Startup Galicia teñen impacto en 10.000 persoas vencelladas ao ecosistema emprendedor. O seu boletín quincenal é un dos elementos de divulgación máis importantes, con preto de 1.500 subscritores, que xunto coa súa canle en Slack, con preto de 1.400 usuarios, dan dinamismo e capilaridade a toda información que trasladan á comunidade. Por último, nas súas redes sociais suman 7.000 seguidores, que lles axudan a amplificar máis as mensaxes.
Actualmente, Startup Galicia traballa a través de alianzas con outros actores relevantes do ecosistema galego, privados, públicos e institucionais para tecer redes que poidan impulsar aos emprendedores de calquera cidade.
A presidenta de Startup Galicia, Carmen Pumariño (Lugo, 1989), recollerá o galardón na gala da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.
