Suba de prezos de Netflix en España

xoves, 20 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Netflix leva tempo xogando cos seus prezos, para comprobar canto están dispostos a pagar os seus subscritores por un servizo cada vez máis completo e, por tanto, máis caro de soster, e segundo publica o diario Expansión a temida suba de prezos finalmente chega a España, onde o servizo xa subira de prezo en 2017.
Aínda que o plan básico manterá o seu prezo en 7,99 euros mensuais, para evitar a fuxida dos usuarios menos esixentes e con menor poder adquisitivo, a tarifa estándar (que ofrece contido en alta definición e até 2 conexións simultáneas) pasará de 10,99 a 11,99 euros, e a tarifa premium (con contidos en 4K e até 4 conexións simultáneas) pasa de 13,99 a 15,99 euros/mes.
Os novos prezos serán inmediatos para novos membros, mentres que os abonados actuais recibirán unha notificación indicando a suba de prezo nos 30 días anteriores á que a suba de prezo da súa tarifa lles afecte.

Conserva Friends

Nos últimos días tamén provocou certo rebumbio un anuncio de HBO España no que suxerían que a serie Friends mudábase á súa plataforma, o que coincidiría co anuncio de que a Warner Bros. quere retirar o seu catálogo de series de Netflix (cando menos nos EE.UU.) para lanzar unha plataforma de streaming de seu. Pero dende Netflix España quixeron tranquilizar aos seus moitos subscritores enganchados á clásica serie Friends e publicaron un chío confirmando que polo momento mantéñena no seu catálogo.
En calquera caso semella que nos vindeiros meses o panorama das plataformas de streaming vai enrarecerse, xa que van chegar novos actores e espérase que en 2020 haxa unha intensa contenda nos EE.UU. que terá ecos en todo o mundo, e que probablemente remate nunha concentración de plataformas ante a inviabilidade de máis de media ducia de plataformas de vídeo baixo demanda de carácter xeral.

PUBLICIDADE