Susana Ladra (CITIC) abre a nova serie de conferencias da RAGC cunha charla sobre Big Data e xenómica

mércores, 24 de maio do 2023 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra poñen en marcha o segundo bloque do IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato, cao finalidade de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. Este xoves, 25 de maio, celebrarase a primeira destas charlas, que terá lugar no IES Illa de Ons de Bueu, ás 12:00 horas.
O alumnado asistirá á charla Big Data e Xenómica, que impartirá Susana Ladra González. É directora do Campus Innova da Universidade da Coruña, científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC.
“Pasamos de necesitar 13 anos e preto de 3000 millóns de dólares para poder obter o xenoma dun ser humano, a poder realizalo en menos dun día e por menos de 1000 dólares. Esta nova era da xenética low cost está a xerar datos a un ritmo frenético, que poden ser analizados e utilizados para avanzar no coñecemento das especies ou as enfermidades”, salienta a investigadora, engadindo que “o Big Data fai referencia á enorme cantidade de datos que se xeran a diario a través de diferentes fontes como redes sociais, transaccións en liña, dispositivos móbiles, sensores e moito máis. Estes datos son moi voluminosos, variados e xerados a alta velocidade”. Así, nesta charla explicará á rapazada que o interese destes grandes volumes de datos é procesalos co obxectivo de obter coñecemento valioso, co propósito de facilitar a toma de decisións en diferentes ámbitos como a mercadotecnia, a saúde, as finanzas e a investigación científica. A súa análise pode axudar ás empresas a comprender mellor aos seus clientes, a tomar decisións estratéxicas, a detectar fraudes e a optimizar os seus produtos e servizos. Tamén permite aos científicos dispor de información relevante para facer descubrimentos e avances en diversas áreas”, destaca.
En relación ao uso do Big Data Xenómico, a investigadora abordará as tecnoloxías de secuenciado, que permiten secuenciar grandes cantidades de ADN dun xeito rápido e eficiente. E explicará cal é o papel da bioinformática neste proceso, xa que a tecnoloxía actual non permite obter a secuencia completa, senón lecturas curtas que cómpre compoñer como un crebacabezas. “Unha vez ensamblado un xenoma, é posíbel comparalo con outros. Esta comparación é fundamental, posto que permite identificar as semellanzas e diferenzas nos xenes e rexións reguladoras entre diferentes especies. Tamén axuda a comprender a evolución e a relación entre os organismos. Para comparar eficientemente xenomas son necesarios algoritmos bioinformáticos, como os aplicados durante a pandemia da COVID-19 para entender a evolución do virus e a aparición das súas variantes”, explica.
A investigadora apunta que todos estes avances no eido da bioinformática teñen transformado os laboratorios científicos actuais. “Hai anos eran fundamentalmente laboratorios húmidos, baseados en hipóteses que se refutaban ou non con experimentos que requirían a preparación, manipulación e análise de mostras líquidas, con equipamento especializado de medición e análise. Na actualidade compleméntanse cos laboratorios secos, onde os científicos traballan principalmente con datos e información obtidos de bases de datos, modelos matemáticos e simulacións por ordenador. É, por tanto, unha investigación baseada en datos.
E conclúe: “A informática mellorou moito a investigación científica no ámbito biolóxico e na xenómica en particular pero a xenómica tamén pode axudar cos retos informáticos do futuro e co Big Data en concreto”.

PUBLICIDADE