Onte chegou á App Store a aplicación de mensaxería instantánea TU Me, que permite intercambiar textos, fotografías, contactos e mapas de xeito doado, atopa os contactos en liña de xeito automático e permite remitir mensaxes de texto e realizar comunicacións de voz de alta calidade a través de Wi-Fi e 3G de balde, o que sorprende enormemente por estarmos ante un produto de Telefónica Digital. Tamén resulta rechamante que esta aplicación móbil estea dispoñible só para iOS co iPhone 3GS en mente (non soporta a pantalla Retina do iPhone 4/4S) e que estea en inglés.
TU Me é o primeiro servizo de Telefónica Digital lanzado directamente aos consumidores e a nivel mundial (sen limitarse aos países nos que a compañía ten presenza comercial), pretendendo achegar nos vindeiros meses novos produtos baixo a marca TU que Movistar, O2 e Vivo ofrecerán aos seus clientes.
Esta nova ferramenta presume de almacenar a súa información na nube (inclúe un ano de almacenamento de balde para todas as conversas) e, aparte de permitir comunicacións en tempo real, tamén permite remitir mensaxes de voz de xeito asíncrono, para deixar recados ou compartir sons cos nosos contactos.
Telefónica Digital lanza unha aplicación de mensaxería instantánea para iPhone
Compartir Este Artigo

