Telefónica e Cinfo poñen a Galicia na vangarda das retransmisións en directo de eventos

xoves, 20 de novembro do 2025 S. P.

Cinfo, empresa galega especializada en tecnoloxías de vídeo e solucións multimedia para a TV por Internet, integrou a solución de Network Slicing de Telefónica a través da API Quality on Demand, solución baseada en 5G que mellora a experiencia do usuario en contornas con conxestión de rede, como por exemplo eventos multitudinarios.
A API Quality on Demand de Telefónica, baseada en tecnoloxía 5G Stand Alone (SA), ofrece ás empresas a posibilidade de solicitar capacidades avanzadas de rede, como Network Slicing, baixo demanda. Así, as empresas poden adaptar de xeito dinámico os parámetros de rede para aplicacións críticas en situacións específicas, como retransmisións en directo ou sesións de xogo online.
Javier Vizcaíno, director de Pemes en Telefónica España, sinalou que con “esta colaboración reforza o compromiso da nosa compañía coa innovación e a mellor conectividade, e abre a porta a novas oportunidades no desenvolvemento de servizos dixitais avanzados no sector de eventos”.
Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, director executivo (CEO) de Cinfo, engadiu “Un dos principais problemas que teñen as empresas que desenvolven tecnoloxía de Intelixencia Artificial é dispoñer de comunicacións de abondo boas que permitan a Ia IA tomar as decisións axeitadas no mellor momento. Grazas ao uso da API Quality on Demand, as nosas solucións funcionan mellor nos clientes”.
A compañía de orixe galega será a primeira empresa española en poder ofrecer a través de aplicacións dedicadas ou da súa plataforma de vídeo, tiivii, un servizo máis robusto, fluído e seguro, mesmo cando se sature a rede, o que lle vai a facilitar que se posicione como un referente en tecnoloxía de última xeración aplicada ao entretemento en vivo.
A esta API tamén se incorporou á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) a través de tiivii de Cinfo, o que permitirá que se monitore a afluencia de persoas e vehículos a través de cámaras móbiles colocadas en localizacións críticas. “Desta forma”, informaron as empresas, “pódese supervisar desde o posto de mando ou CECOR as incidencias que hai ou poida haber, poñéndolles solución e mesmo anticipándose a elas”.
Cinfo probou esta tecnoloxía en diversos eventos locais antes de empregala noutros multitudinarios con demandas específicas. Entre eles destacan, grazas á colaboración da produtora Esmerarte: O Festival O Son do Camiño, o Festival PortAmérica e o Festival Río Verbena.
Amais, utilizouse en diversas salas musicais pertencentes á asociación ACESS (Asociación Estatal de Salas de Concertos) e para a emisión de eventos deportivos galegos a través da súa plataforma tiivii.gal. E finalmente, a axencia de emerxencias galega testou a tecnoloxía na Festa do Albariño de Cambados 2025 e no Festival da Luz de Boimorto 2025, na Festa da Auga de Vilagarcia 2025, no Festival Monte do Gozo 2025 e no Resurrection Fest 2025.
Aínda que de momento só se utilizou en Galicia, o obxectivo de Cinfo é estender o seu uso a nivel nacional e internacional a curto e medio prazo.
A firma Cinfo foi seleccionada dentro da iniciativa ÚNICO 5G sectorial do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública financiada con fondos do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para desenvolver un sistema experimental que posibilite todo o ciclo de produción audiovisual de actividades artísticas en directo.