Televés traballa nun proxecto europeo para liberar á industria dos defectos na fabricación
mércores, 2 de febreiro do 2022
A
empresa galega Televés impulsa unha iniciativa para levar aínda
máis lonxe a industria automatizada e intelixente e conseguir
procesos de fabricación con cero defectos. Trátase
do proxecto OPTIMAI, un paso adiante dos sistemas de controis de
calidade que mobiliza tecnoloxías encamiñadas a “reducir os
desperdicios, eliminar defectos, maximizar a produtividade e mellorar
a calidade dos procesos de produción”. Segundo informa a firma de
Santiago, o proxecto está destinado a ter “un impacto tanxíbel na
industria europea e a sustentabilidade ambiental”.
En
palabras de Nikolaos Dimitrou, responsábel do proxecto dende o
Centro de Investigación e Tecnoloxía de Hellas (CERTH-ITI),
“estamos a buscar crear un novo ecosistema industrial, optimizando
os procesos de produción a través dunha combinación única de
instrumentación intelixente, metroloxía, Intelixencia Artificial,
virtualización e Realidade Aumentada”.
Televés
é un das empresas participantes, que actuará principalmente como
usuario final (piloto) nesta iniciativa. Máis concretamente, o
piloto centrarase na liña de produción de antenas. Neste punto, a
compañía de Santiago porá en xogo a súa longa bagaxe tecnolóxica
e industrial ao servizo de 10 células robóticas que traballarán de
forma coordinada fabricando máis dun millón de antenas por ano de
forma totalmente automatizada. “A partir de diferentes produtos
intermedios como carcasas de plástico e chasis metálicos e módulos
de electrónica provenientes das nosas liñas de produción, as
antenas saen de fábrica perfectamente embaladas e listas para a súa
distribución en calquera parte do mundo”, sinala Sebastián
Pantoja, director de programas estratéxicos de Televés.
O
proxecto de tres anos, financiado polo programa de investigación e
innovación Horizonte 2020 da Comisión Europea, servirá para dar
forma ao que Televés denomina “as fábricas do futuro”. Farao
grazas “ao seu conxunto único de tecnoloxía intelixente deseñada
para o ámbito da fabricación”. OPTIMAI lanzouse en xaneiro de
2021 e acaba de entrar no seu segundo ano.
O
doutor Dimitriou e o seu equipo deseñaron o conxunto de ferramentas
OPTIMAI, que inicialmente probarase e validarase en fábricas
centradas na fabricación de antenas de Televés e na montaxe de
microelectrónica en Grecia, España e o Reino Unido,
respectivamente. As solucións, que son “altamente adaptábeis”,
explica Televés, “aplicaranse logo nunha ampla gama de contornas
industriais e comercializaranse en toda Europa”.
As
partes principais do kit de ferramentas desenvolvido polas
organizacións contribuíntes (incluída Televés en Santiago de
Compostela) inclúen un sistema de apoio á toma de decisións que
detecta e emite notificacións temperás de defectos; un sistema
continuo de inspección de produción, monitoraxe e calidade
impulsada por sensores intelixentes; un mercado intelixente para a
reciclaxe de chatarra; xemelgos dixitais para simulación e
prognóstico de procesos industriais e máis un marco regulamentario
e ético integral que rodea as tecnoloxías.