Thais Pousada, seleccionada para participar nun grupo de traballo da International Society of Wheelchair Profesionals

venres, 12 de xuño do 2020 Redacción

A investigadora do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), Thais Pousada, vén de ser seleccionada para participar no grupo de traballo Wheelchair Educators Package Development Group da International Society of Wheelchair Profesionals (ISWP). O equipo está composto por 31 expertos dun total de 20 países de todo o mundo, que traballarán durante os vindeiros dous anos na elaboración dun paquete de formación para profesionais de ciencias da saúde relacionado coa prescrición de cadeira de rodas.
O obxectivo, informa o CITIC, é que “esta formación proporcione os contidos e competencias necesarias para que os profesionais deste ámbito poidan certificarse como expertos na prescrición da cadeira de rodas”.
Este grupo de traballo está auspiciado pola ISWP, unha entidade que naceu en 2015 coa misión de servir como recurso global para os estándares en materia de elementos para usuarios con mobilidade reducida, para que todas as persoas que precisan deste tipo de vehículos reciban produtos e servizos apropiados, permitíndolles o acceso á educación, o emprego e a atención médica e a participación social.

PUBLICIDADE