O ataque informático padecido por Sony Pictures supostamente para extorsionar á compañía para que non estrease o filme The Interview, comedia ao redor dun complot para asasinar a Kim Yong-Un, líder norcoreano, non conseguirá o seu obxectivo e, aparte de prexudicar a Sony economicamente (coa filtración á Rede de 5 películas sen estrear) e a nivel de imaxe (coa exposición de numerosos documentos internos da empresa), non conseguirá que The Interview non vexa a luz e incluso poderían ter magnificado globalmente o impacto da produción, que obtivo moita publicidade de balde.
Aínda que inicialmente se cancelou a estrea cinematográfica de The Interview ante a recepción de ameazas pouco concretas e cribles, finalmente un pequeno número de salas cinematográficas (ao redor de 300) aceptaron exhibir mañá a nova película, evitando dar así a impresión de que se cedían ante a extorsión. Para conseguir unha boa difusión, dende Sony intentaron pechar un acordo con Apple para distribuír a obra por iTunes, pero non foi posible chegar a un acordo rápido, polo que, segundo a CNN, finalmente The Interview optará por outra plataforma en liña para conseguir unha boa difusión: YouTube.
Ao parecer, o acordo con YouTube non é exclusivo, e nos vindeiros días poderiamos ver outras plataformas que ofrecen a posibilidade de alugar The Interview noutras plataformas, facendo así que a visibilidade do filme sexa moi superior do que sería cunha estrea tradicional, o que claramente non será do agrado das persoas que quixeron censurar a produción.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente Sony publicou unha páxina web na que facilitan o acceso ao filme baixo demanda a través de varias plataformas, como a mencionada YouTube, Google Play, Xbox Video e outras, a un prezo de 6 dólares en aluguer e 15 dólares en compra.
The Interview estrearase mañá pese ás ameazas de Corea do Norte
Compartir Este Artigo
