Ti Primeiro, a novela visual e interactiva galega, dispoñíbel para iOS e Android

xoves, 12 de agosto do 2021 S. P.

Este 10 de agosto procedeuse oficialmente ao lanzamento nas plataformas de Ti Primeiro, de Melgo Cinema, unha novela interactiva galega creada por Roberto Alvite que abre novos camiños de creatividade e de distribución para os nosos talentos literarios e, tamén, para os selos editoriais e as produtoras. Ti Primeiro chega ao mercado en seis idiomas, dispoñíbel para iOS e Android e en formato de aplicación móbil. Foi presentada o pasado mes de xullo na Deputación da Coruña, entidade que colaborou na súa produción. Daquela fíxose fincapé no seu marcado carácter innovador e pioneiro, xa que introduce “un novo concepto visual inédito en España, que mestura o audiovisual, a literatura e os videoxogos”.
Escrita, dirixida, producida e coprotagonizada por Roberto Alvite, fundador da produtora galega Melgo Cinema, Ti Primeiro está realizada con imaxe real e convida o usuario a vivir “unha experiencia inmersiva única mediante unha nova narrativa que explora as relacións de parella actuais e a súa evolución co paso do tempo”.
A través da aplicación móbil, os usuarios teñen a oportunidade de introducirse na intimidade dunha parella e elixir o camiño dos seus dous protagonistas que, tras meses de convivencia, deciden dar un paso máis e ter unha relación aberta. “As nosas vidas están marcadas polas etapas que imos superando, ben froito da madurez ou das experiencias vitais”, afirma o seu creador, Roberto Alvite, engadindo que “o xénero romántico permítenos emocionarnos xunto aos personaxes e, axudados pola narración interactiva, o usuario fai propios os éxitos e fracasos desta parella”.
A descarga do primeiro capítulo é gratuíta mentres que o prezo conxunto dos dous capítulos restantes que completan a experiencia atópase ao redor de 5 euros.

Sinopse

Existe unha única forma correcta de amar? Álex e Sebas están na cúspide da súa vida. Para eles todos os días sobordan amor, sexo e simpatía o un polo outro. Cando a parella decide abrir a súa relación, espera descubrir novos praceres á vez que manter e fortalecer o seu proxecto de vida. Esta nova experiencia axudaraos a descubrir outros xeitos de medrar e querer como persoas.

Lanzamento e filosofía de Ti Primeiro

Os tres episodios que compoñen esta experiencia innovadora protagonizada pola actriz Iris Darriba e Roberto Alvite, xa están dispoñíbeis para iOS e Android en seis idiomas: galego, español, inglés, francés, italiano e portugués de Brasil. Cada episodio, de aproximadamente 60 minutos de duración, representa a evolución dos personaxes ao longo dos anos. En datas vindeiras, Melgo Cinema ten previsto introducir novos idiomas, plataformas e públicos.
A contorna que serve de escenario a Ti Primeiro, para a que se usaron máis de 400 fotos de emprazamentos reais, foi rodada en localizacións da cidade da Coruña (Galicia) e os seus arredores.

Patrocinios e colaboradores

O proxecto contou coa colaboración da Deputación Provincial de Coruña, a participación de CREA SGR e o financiamento de Triodos Bank.

PUBLICIDADE