Toda a familia de consolas PlayStation subirá de prezo o 2 de abril

venres, 27 de marzo do 2026 Marcus Fernández

A actual xeración de consolas de videoxogos, concretamente no caso das consolas de Sony, tivo unha evolución de prezos que atentaba contra toda lóxica, xa que, en vez de reducir prezos paulatinamente, como fixeron todas as xeracións anteriores, estamos a ver como os prezos non paran de incrementarse, para frustracións dos consumidores.
Lembremos que a PlayStation 5 chegou ao mercado en 2020 a un prezo de 399,99 euros a edición dixital e a 499,99 euros a edición con lector de discos, incrementando o prezo 50 euros en 2022, e volvendo repetir a xogada o ano pasado.
Se non chegaba con que o prezo oficial da PlayStation 5 sen disco fose de 499,99 euros, veñen de anunciar que a partir do 2 de abril a PS5 sen disco pasará a custar 599,99 euros, a edición con lector de discos custará 649,99 euros, a PS5 Pro terá un prezo oficial de 899,99 euros e a PlayStation Portal incrementará o seu prezo oficial ata os 249,99 euros.
Non podemos ignorar que estas consolas son susceptibles a moitas ofertas (tanto soltas como empaquetadas con xogos), pero quen teña prevista a súa compra a curto prazo, faría ben con adiantala, xa que actualmente é doado atopar a PS Portal a entre 192 e 216 euros, a PS5 sen disco por 478 euros, a PS5 con disco por 549 euros (nalgún caso con algún xogo incluído) ou a PS5 Pro por 755 euros, á vez que tamén existe todo un mercado de consolas reacondicionais (incluso pola propia Sony) ou a promocións en AliExpress que permiten entrar no mundo da PS5 por menos de 400 euros, algo que cada vez será máis difícil.