A PlayStation 5 anuncia unha suba de prezos escandalosa
luns, 14 de abril do 2025
No verán de 2022 sorprendeunos o anuncio de que a consola PlayStation 5, preto de 2 anos despois do seu lanzamento, incrementaba o seu prezo en 50 euros en vez de reducilo como era habitual nas consolas de anteriores xeracións, e agora repiten a xogada, anunciando que a partir de hoxe a PlayStation 5 edición dixital incrementa o seu prezo oficial a 499,99 euros en Europa, Reino Unido, Australia e Nova Zelandia argumentando «a complicada conxuntura económica, incluíndo a elevada inflación e a flutuación dos tipos de cambio».
Este anuncio vén acompañado polo dunha rebaixa da unidade de discos ópticos, que pasa de 119,99 euros a 79,99 euros, aínda que segue a ser un produto moi difícil de atopar en existencias, xa que o lanzamento da PlayStation 5 Pro (sen lector de discos) disparou a venda deste accesorio que até o momento tiña moi pouca demanda. A PS5 con disco mantén o prezo oficial de 549,99 euros.
Esta anuncio pilla bastante por sorpresa, xa que actualmente podiamos atopar a PlayStation 5 co xogo Astro Bot por 399,99 euros na edición sen lector de disco e a 499,99 euros con lector de discos, o que provoca que a suba de prezo da consola se perciba como un incremento de prezo do 25%, o que resulta escandaloso.