A PlayStation 5 por fin ten prezo e data de lanzamento

mércores, 16 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Finalmente tivo lugar o evento de PlayStation 5 no que amosaron moitos dos xogos de lanzamento da nova consola de Sony, á vez que anunciaron finalmente que os prezos e datas de lanzamento da nova máquina. A PayStation 5 chegará a EE.UU., Canadá, Xapón, México, Australia, Nova Zelandia e Corea do Sur o vindeiro 12 de novembro, mentres que no resto do mundo teremos que agardar até o 19 de novembro.
Pero o factor que máis intersa ao público é o prezo das novas consolas, e finalmente a PlayStation 5 seguirá os pasos da Xbox Series X de Microsoft, cun prezo de 499,99 euros, mentres que a versión sen disco sae un chisco máis barata (399,99 euros), facendo que o futuro dos videoxogos sen xogos almacenados en discos ópticos estea cada vez máis preto.
O feito de que a PlayStation 5 teña un prezo na liña do seu competidor máis directo non debería complicar a competencia entre as distintas máquinas, xa que confíase en que nesta campaña de Nadal a consola de nova xeración en Europa teña un éxito rotundo, grazas en boa medida pola reacción de Sony, que soubo ver o interese de manter un prezo de lanzamento que no sexa superior ao da consola, á vez que tamén unha versión sen disco máis económica, que podería ameazar o futuro das tendas físicas de videoxogos.
Precisamente na liña de competir coa Xbox fixeron unha interesante proposta que quere reducir o pulo de Xbox Game Pass Ultimate:a PlayStation Plus Collection. Deste xeito PlayStation Plus terá unha oferta de valor moi diferente á dos dous xogos xogos que reciben os seus subscritores ao mes sen cargo adicional, e pasarán a contar cunha PlayStation Plus Collection que inicialmente inclúe a God of War, Bloodborne, Monster Hunter World, Final Fantasy XV, Fallout 4, Mortal Kombat X, Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón, Ratchet and Clank, Days Gone, Until Dawn, Detroit: Become Human, Battlefield 1, Infamous Second Son, Batman: Arkham Knight, The Last Guardian, The Last of Us, Persona 5 e Resident Evil VII: Biohazard, xogos que marcaron a presente xeración de consolas, e que axudarán a que o inicio da seguinte parta cunha base de xogos que garanta certa diversión para os early adopters, á vez que mitiga a fuxida de usuarios a Xbox.

Vídeo que resume o amosado no evento no que presentaron o prezo e a data de lanzamento da PlayStation 5

PUBLICIDADE