Tres propostas galegas finalistas nos premios estatais de videoxogos Devuego

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

JPEG - 168.9 KB
Aureole, Iago Gordillo e Andrea García en Música e Videoxogos

Finalmente hai tres propostas galegas entre as finalistas dos premios estatais Devuego, base de datos do sector dos videoxogos no ámbito estatal e referente informativo e divulgativo neste eido de actividade creativa e empresarial. Trátase de Aureole de Elvendwarf, que opta a Mellor Xogo para móbiles; da canle divulgativa Recuncho Gamer, candidata a Mellor Medio Audiovisual; e de Música e Videoxogos, iniciativa da Fundación Museo do Videoxogo (o MUVI, con sede física en Cangas) que procura acadar o premio a Mellor Evento.
As votacións ficarán abertas ata o 27 de xaneiro para o público rexistrado de balde na páxina de Devuego
Aureole é un xogo de quebracabezas de plataformas creado por Gerardo Borjes Elvendwarf que está dispoñíbel de balde para navegadores e para dispositivos Android, Windows e Linux. O obxectivo do xogo é “conseguir levar un aro a través de 45 niveis cheos de obstáculos nos que xogamos con distintas físicas e rebotes”.
Pola súa banda, Recuncho Gamer é un proxecto audiovisual impulsado por Iago Gordillo e que se dirixe a divulgar de forma amena sobre os videoxogos, entendendo “a estes como un produto cultural no que converxen moitas artes”. Trátase do primeiro programa en exclusivo para Twitch e YouTube que opta a un Premio Mestre Mateo. O proxecto suma máis de 150.000 visualizacións dos seus contidos en 14 meses e máis de 3.500 seareiros nas distintas redes sociais.
Polo que respecta ao evento Música e Videoxogos, foi unha iniciativa pioneira realizado pola Fundación do Museo do Videoxogo no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) no que se fusionou unha exposición de consolas e videoxogos cun concerto de piano con pezas musicais dos xogos expostos. O concerto foi interpretado por Andrea González e contou co apoio audiovisual das imaxes dos xogos que soaron. A Fundación do Museo do Videoxogo é a primeira fundación en España adicada exclusivamente ao mundo dos videoxogos e recoñecida de “interese galego” pola
Xunta de Galicia.
Ligazóns para votar cada categoría:
Mellor Xogo de móbil
Mellor Medio Audiovisual
Mellor Evento Absoluto


PUBLICIDADE