Tres selos discográficos demandan a Suno e Udio
martes, 25 de xuño do 2024
Nos últimos meses a creación musical a través de solucións de intelixencia artificial xenerativa fíxose moi popular grazas a plataformas en liña que tanto facilitaban a composición das letras dos temas como a súa música e a interpretación vocal, de xeito que calquera podía crear cancións personalizadas para calquera ocasión, o que non agradou aos grandes selos musicais, que consideran que se están a vulnerar os dereitos das obras do seu catálogo, polo que están a tomar medidas legais. Así temos que Sony Music, Universal Music Group e Warner Records denunciaron a Suno e Udio, acusando a estas plataformas de cometer unha infracción de copyright masiva ao utilizar as gravacións destes selos para adestrar os seus sistemas de xeración musical mediante IA.
Os denunciantes aseguran que os usuarios de Suno e Udio foron quen de recrear elementos de cancións como My Girl (The Temptations), All I Want for Christmas Is You (Mariah Carey) ou I Got You (I Feel Good) (James Brown), así como tamén consideran que algunhas creacións replicaron a voz de músicos como Michael Jackson, Bruce Springsteen e ABBA.
Os selos piden unha compensación de 150.000 dólares por canción copiada, considerando que Suno copiou 662 cancións e Udio 1.670, aínda que as súas acusacións non parecen doadas de demostrar. De feito, dende Suno aseguran que a súa tecnoloxía «é transformativa; está deseñada para xerar saídas complemente novas, non para memorizar e regurxitar contido preexistente».
Será interesante ver como evoluciona a causa, pois terá un importante impacto neste tipo de servizos baseados en IA xenerativa, aínda que dificilmente poderán establecerse precedentes, xa que as interpretacións do que é inspiración ou plaxio son moi diversas.