Trump asina a orde que salva TikTok nos EE.UU.

venres, 26 de setembro do 2025 Redacción

Trump proclámase salvador de TikTok

O presidente dos Estados Unidos, Donald J. Trump, asinou nas últimas horas unha orde executiva que valida o plan de desinvestimento parcial de TikTok e garante que a aplicación poida seguir operando no país, sempre baixo novas condicións de control destinadas a evitar riscos de seguridade nacional.
A decisión enmárcase na Protecting Americans from Foreign Adversary Controlled Applications Act, unha lei que prohibía a distribución de aplicacións controladas por empresas de países considerados adversarios (como é o caso da matriz chinesa ByteDance), pero que ao mesmo tempo permitía levantar esa prohibición se se producía un «desinvestimento cualificado».
Segundo o acordo marco aprobado, TikTok pasará a xestionarse nos Estados Unidos a través dunha nova sociedade con sede no país e maioritariamente en mans de investidores estadounidenses. ByteDance e as súas filiais quedarán cunha participación inferior ao 20 %, e perderán calquera capacidade de controlar o algoritmo, o código fonte ou os sistemas de moderación de contidos. Os datos de usuarios estadounidenses deberán almacenarse en nubes operadas por compañías locais, e estarán sometidos a auditorías permanentes de organismos de seguridade.
A orde executiva detalla que, ata que se complete a operación, o Departamento de Xustiza non aplicará sancións nin medidas de cumprimento da lei durante un período de 120 días. Ademais, o fiscal xeral será o representante oficial do Goberno estadounidense no seguimento do acordo, encargado de recibir información tanto da nova sociedade como dos socios de seguridade que a supervisarán.
O documento tamén modifica e derroga disposicións anteriores, como a orde de 2020 que obrigaba á venda de Musical.ly a raíz da súa compra por ByteDance, e deixa aberta a posibilidade de emitir novas ordes se fose preciso para salvagardar a seguridade nacional.
Con esta decisión, a Casa Branca busca un equilibrio: permitir que os máis de 170 millóns de estadounidenses que empregan TikTok poidan seguir facéndoo, pero baixo un marco de control estrito que, segundo o Executivo, elimina a posibilidade de inxerencia estranxeira, aínda que polo momento se descoñece se o Goberno chinés (que ten a última palabra na administración de TikTok) cederá ante as disposicións da administración Trump. Resulta inevitable pensar que a orde executiva asinada non é máis que unha maquillaxe para un acordo que, na práctica, non suporá cambios de funcionamento en TikTok a nivel de contidos, senón que simplemente creará unha rede de comisionistas estadounidenses (que casualmente serían doadores da campaña electoral do actual presidente, que estiman que terían que pagar só a décima parte do valor de mercado de TikTok) como escudo legal para que a plataforma poida operar nos EE.UU.