Twitter renóvase na web e en dispositivos móbiles dando máis importancia ás imaxes

martes, 18 de setembro do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 151.6 KB
Os perfís de Twitter contan agora cunha imaxe de encabezado na liña da portada dos perfís de Facebook

Hoxe foi un día de grandes cambios para Twitter, pois o servizo decidiu realizar modificacións na súa páxina web e nas súas aplicacións móbiles, o que resulta moi visible no caso dos perfís de usuario, que agora amosan unha fotografía de cabeceira que lembra ás portadas dos perfís de Facebook, e que aparece tanto na web como nas aplicacións, permitindo que así os usuarios amosen a súa personalidade, deixando a súa icona para unha imaxe que contribúa a identificalos.
Os novos perfís tamén mudan cando os consultamos dende as aplicacións móbiles oficiais de Twitter, pois despois dos tuits máis recentes aparecen as últimas fotografías compartidas polo usuario, buscando así que a través das imaxes poidamos coñecer de xeito rápido e doado como é un usuario para saber quen é e se nos interesa o que comenta para decidir se seguilo ou non.
Para poder gozar dos novos perfís de Twitter chega con visitar a opción de deseño no menú de configuración da nosa conta e elixir unha nova imaxe de encabezado.

Renovación total da aplicación para iPad

Cómpre destacar que no caso da aplicación de Twitter para iPad estamos ante unha reformulación total da ferramenta, que promete ser máis rápida, fermosa e doada de usar, aínda que neste cambio perdeu funcionalidades e, especialmente, o seu funcionamento baseado en paneis que eran o seu sinal de identidade. Tamén dificulta considerablemente a xestión de varias contas (que era unha das principais virtudes da versión anterior da aplicación), polo que dá a impresión de que realmente estamos ante unha ferramenta que busca converxer o funcionamento de Twitter vía web e a través de aplicacións (o que moitos verán como un importante retroceso, pois un dos ingredientes do éxito de Twitter eran as aplicacións móbiles que se desenvolveron ao seu redor, e que parecen estar a ser marxinadas).
Coa simplificación da aplicación para iPad agora temos 4 grandes apartados: Inicio (coas mensaxes das persoas que seguimos a través de Twitter), Conecta (coas interaccións con outros usuarios), Descubre (con recomendacións de algúns contidos compartidos, de Tendencias e con recomendacións de usuarios a seguir) e Cuenta (dende onde configurar a nosa conta).

JPEG - 128.7 KB
Os novos perfís de Twitter tamén poden verse nas aplicacións móbiles para iOS e Android da compañía

PUBLICIDADE