UCGAL denuncia a R ante o Instituto Galego de Consumo

mércores, 28 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A Unión de Consumidores de Galicia presentou onte denuncia ante o Instituto Galego de Consumo contra o operador de telecomunicacións R Cable pola masiva incidencia que deixou sen servizo de telefonía móbil (voz e/ou datos) a centos de milleiros de usuarios durante un prazo de tempo de preto de 24 horas «sen que teña concorrido ningunha circunstancia de forza maior», polo que solicitan ás autoridades de consumo que logo da tramitación do correspondente expediente impoñan unha contundente sanción ao operador de cable atendendo ás dimensións dos incumprimentos de servizo e á posición dominante que R ten no sector da telefonía móbil en Galicia, ao tempo que se acredite que todos os usuarios foron indemnizados de acordo cos compromisos asumidos publicamente.
UCGAL lembra que as telecomunicacións son un servizo de interese xeral que, pese a prestarse en réxime de libre competencia, non está exento do cumprimento duns requisitos de calidade. Ante o feito de que R culpe a Vodafone da incidencia, UCGAL tamén pide ás autoridades galegas de competencia que investiguen os feitos.
A xuízo da Unión tamén hai que ter en conta á hora de ponderar o acontecido que o suposto incremento do tráfico de mensaxes de texto non puido ser atendido por un dimensionamento de infraestruturas insuficiente e a posiblemente inexistente replicación de infraestruturas que puidese minimizar as consecuencias dun colapso do servizo. Amais suxiren que ao colapso puideron contribuír os cambios dos sistemas de R derivados da súa integración en distintos procesos de Euskaltel como, por exemplo, o cambio do ciclo de facturación (que xusto tivo lugar o día anterior á incidencia).