Un equipo da UVigo leva ao eido do videoxogo unha das obras de José Saramago

martes, 26 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Sabíamos que se podían converter en filmes todo tipo de novelas ou obras de teatro, pero do que aínda non tiñamos constancia é de que tamén se poden converter obras mestras da literatura en videoxogos. Isto é o que vén de facer o grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), do Campus de Pontevedra, un equipo multidisciplinar que arrancou a súa actividade traballando colectivamente co alumnado de Comunicación Audiovisual e de Enxeñaría de Telecomunicación para faceren un videoxogo baseado nunha obra de José Saramago. O libro elixido foi A viaxe do elefante. A idea é poder presentar o primeiro nivel do videoxogo nas xornadas que a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro mes de novembro na cidade de Pontevedra.
A iniciativa está coordinada polos docentes Antonio Pena, Enrique Costa e Juan Carlos Burguillo, da Escola de Enxeñaría de Telecomunición, e Beatriz Legerén e Mónica Valderrama da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A maiores contan tamén coa colaboración do director da cátedra, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch, quen sinala que todo o equipo (os profesores e os trinta estudantes que participan) asumiu este traballo con gran ilusión, entre outras cousas porque foron quen de ver que A Viaxe do Elefante, amais dun conto histórico, abrangue “un debate sobre a complexa relación entre realidade, ficción e historiografía, algo que tamén pode estar presente nun videoxogo”, explica.
Respecto do traballo colectivo a desenvolver, o alumnado de Comunicación Audiovisual vaise encargar de crear o deseño conceptual e de establecer todos os mecanismos de xogo, as regras, o aspecto artístico, o manual, os labores de comunicación, incluíndo a creación dun caderno de bitácora, canles de redes sociais, etc. Pola súa banda, os da EE de Telecomunicación encárganse de facer e crear o interface do xogo e o xogo en si. Ou sexa: trasladar á realidade o que se está a deseñar (alumnado da materia de Tecnoloxía Multimedia) e de programar os personaxes non xogadores do xogo (estudantes da materia Programación de Sistemas).
O obxectivo principal, segundo informan os responsábeis do proxecto, “é facer traballar aos estudantes en grupos realmente multidisciplinarios en materiais non orientadas a iso”. E engaden: “Trátase de abrirlles a mente a traballar con xente aparentemente afastada a eles”.
Respecto dos prazos, deuse forma a grupos de media ducia de persoas con dous estudantes de cada unha das materias. “As sesións conxuntas celébranse cada semana nun campus, logo teñen tamén clases pola súa conta nos tres casos”, explica Beatriz Legerén, ao que engade que “cada profesor vai valorar ao alumnado polas súas sesións individuais e os contidos específicos da súa materia, pero outra parte da nota vai ser por este traballo conxunto que van facer entre todos”, engade a docente.
As materias son cuadrimestrais, polo que os prazos nos que se moven están delimitados por esta marxe temporal. “Faremos un seguimento con reunións quincenais e observación da actividade na contorna de xestión de proxectos que usarán”, explica Antonio Pena, engadindo que a idea é “ter unha beta xogábel de cada videoxogo a finais de novembro, para levar a cabo os últimos axustes na primeira semana de decembro, antes dos exames”. A intención, di, é facer públicas as versións para que calquera poida xogar e dar a súa opinión.

PUBLICIDADE