Un informe da USC salienta o potencial da IA para a economía galega

xoves, 19 de febreiro do 2026 S. P.

A produtividade nas empresas medra cando a IA complementa ás persoas e os procesos, pero esmorece cando non existe un redeseño no fluxo de traballo. Así queda reflectido no informe especial sobre a economía galega que publica anualmente o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que desta volta afondou no rol da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto no emprego.
A respecto das conclusións do informe, o director científico do CiTIUS da USC (referente en IA) ademais de coordinador da investigación (e autor da mesma, xunto con Marcos Almeida Cerreda, Luis Míguez Macho e Luis Alberto Otero), sinala que “non se debe prescindir de profesionais, senón sumarlles as capacidades que ofrece a IA”.
Lembran que Galicia conta cunha implantación da IA por baixo da media estatal (10,3% fronte a 11,4%) e da Unión Europea (13,5%). Fronte a este dato, Barro explica que “non nos interesa tanto a cantidade de empresas que adoptaron IA, senón se lle están sacando rédito; porque as pemes deberían repensar como integrar a IA para innovar, cal é o uso axeitado; hai todo un camiño de adopcións de valor engadido”.
Barro salienta “a necesidade de que as empresas contacten con expertos que lles poidan prestar asesoramento”, xa que na actualidade a presenza de talento en IA nas empresas é reducida (1,89% dos especialistas TIC, Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
O informe afonda nas implicacións da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia (LIAG), que debe concretar aspectos no seu regulamento respectando o marco normativo europeo e español “para engadir certeza na economía galega”, engade Barro, que abre unha fiestra de luz ao considerar que Galicia dispón de “todos” os instrumentos necesarios para a adopción da IA con impacto na produtividade, como son o sector TIC, a actividade de I+D e a formación de talento nas universidades públicas.
Os autores avogan por crear plataformas seguras de intercambio de datos entre empresas e sector público, impulsar un programa de impulso á adopción da IA nas pemes, habilitar programas intensivos de mellora de competencias e reciclaxe profesional, reforzar capacidades directivas, crear un sistema estatal-autonómico de estatísticas homologables e abertas para comparar con transparencia e afrontar a fenda en mercadotecnia, vendas e I+D, onde Galicia conta cun menor uso da IA. “Debemos apostar por unha IA que inspire confianza, o que pasa por explicación, supervisión humana e seguridade”, conclúen no informe.