Un proxecto pioneiro do CiTIUS explorará o uso reparador da VR para aliviar a ansiedade ante a morte

mércores, 12 de febreiro do 2025 S. P.

O CiTIUS da USC compartiu detalles dun novo proxecto con capacidade para transformar a experiencia das persoas en fases terminais da súa vida e a dos seus seres queridos promovendo recursos de reparación e mitigación da ansiedade e, tamén, impulsando novas reflexións culturais sobre a relación entre a vida e a morte. O investigador David Glowacki lidera desde o CiTIUS esta nova investigación auspiciada pola institución filantrópica Tiny Blue Dot Foundation (EE UU), que elixiu o proxecto do Laboratorio de Realidades Intanxibles (IRL) do centro compostelán entre as 12 únicas iniciativas que financiará a nivel mundial no ámbito da neurociencia.
En concreto, o proxecto afondará no estudo do concepto da materia como “esencia enerxética” para axudar a persoas con enfermidades terminais. Farao a través da Realidade Virtual (RV); un eido de investigación transversal e extremadamente familiar para David Glowacki, doutor en Mecánica Cuántica que explora as diferentes posibilidades desta tecnoloxía desde Santiago de Compostela (España) xunto co seu grupo de investigación no Laboratorio de Realidades Intanxibles (IRL).
Glowacki, incorporado ao centro de investigación da USC no ano 2022 a través do programa de captación de talento Oportunius da Axencia Galega de Innovación (GAIN - Xunta de Galicia), dirixe tamén o proxecto NanoVR, actualmente en desenvolvemento e financiado con preto de 2 millóns de euros polo Consello Europeo de Investigación (ERC) cunha das súas prestixiosas axudas Consolidator Grant.
O científico, natural de Milwaukee (Wisconsin, EEUU), celebraba a consecución do novo proxecto, cualificándoo como unha investigación “de vangarda” e mostrando a súa emoción por “ter a oportunidade de liderar un proxecto que ostenta un potencial impacto global con orixe aquí mesmo, en Santiago de Compostela, xa que esta cidade ten unha reputación como lugar de contemplación espiritual”. Engadiu que un dos alicerces do proxecto é “usar a tecnoloxía para axudarnos a contemplar a nosa propia mortalidade dun xeito construtivo”.

Desafío NUMADELIC

O investigador David Glowacki relatando a súa experiencia ante a morte

O novo desafío científico leva por nome NUMADELIC (Experiencias para mellorar os resultados de saúde mental en pacientes con enfermidades potencialmente mortais), e conta como dixemos co apoio económico da fundación norteamericana Tiny Blue Dot Foundation, que lle asignou unha dotación orzamentaria de máis de 900.000$ durante os vindeiros tres anos. Esta ambiciosa iniciativa aplicará tecnoloxías de Realidade Virtual para recrear experiencias próximas á morte ou NDEs co obxectivo de reducir a ansiedade e fomentar o benestar emocional en pacientes terminais e os seus seres queridos. Un tipo de experiencia que o propio Glowacki viviu en primeira persoa, tal e como el mesmo relatou nunha entrevista co gallo da súa inminente incorporación ao CiTIUS.

Unha experiencia inmersiva contra a ansiedade

O nome do novo proxecto (NUMADELIC) provén da idea de enfoque “numadélico”: un termo acuñado polo Laboratorio de Realidades Intanxíbeis que combina as palabras gregas pneuma (que significa “alento”, “espíríto” ou “alma”), e delein, (que significa “revelar” ou “manifestar”). Así, o fluxo numadélico pode considerarse un fluxo que “manifesta o espírito”, explica o investigador, engadindo que no caso deste novo proxecto “simboliza o uso da Realidade Virtual para deseñar experiencias inspiradas nos relatos de persoas que viviron situacións próximas á morte”. Este enfoque, que evoca un concepto do budismo tibetano coñecido como Clear Light (CL) ou “luz pura”, permite ás persoas con enfermidades terminais experimentar aspectos fundamentais das NDEs, como a percepción da conciencia máis aló do corpo físico. O obxectivo en todo caso é aliviar o medo, a ansiedade, a depresión e o illamento social que adoitan enfrontar estes pacientes e as súas familias. “Clear Light non só ofrece unha perspectiva transformadora sobre a vida e a morte, senón que tamén ten o potencial de suxerir un novo debate cultural sobre estes temas”, sinalan dende o CiTiUS, engadindo que a través de estudos en laboratorio, entrevistas e medicións fisiolóxicas, o proxecto busca optimizar este programa para maximizar os seus beneficios curativos. NUMADELIC inclúe tamén un ensaio controlado aleatorizado (RCT) en colaboración con médicos de coidados paliativos e doulas (persoas que proporcionan apoio emocional, práctico e espiritual a quen están no proceso de morrer e ás súas familias), para avaliar o seu impacto na saúde mental dos pacientes, tanto a curto como a longo prazo.
NUMADELIC é un dos 12 grandes proxectos financiados en todo o mundo pola Tiny Blue Dot en 2024, tras unha minuciosa revisión entre preto de 200 propostas recibidas a nivel global, que foron avaliadas a través dun rigoroso proceso de revisión de dobre cego (un sistema de avaliación no que tanto o avaliador como a persoa ou institución candidatas permanecen anónimas entre si, para evitar prexuízos ou nesgos). Na segunda edición desta convocatoria global, coñecida como The Science of Perception Box (A ciencia da caixa da percepción), a fundación apoiará outras 11 investigacións lideradas por institucións de tres países (Estados Unidos, Países Baixos e Australia), ademais do propio proxecto do CiTIUS, único en España.
O proxecto NUMADELIC desenvolverase en Galicia (España) e Estados Unidos (a través da startup tecnolóxica Anuma), en estreita colaboración coa Dirección de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), onde en marzo de 2025 comezarán os primeiros ensaios controlados. Aínda que o grupo de pacientes para esta fase inicial xa está definido (participarán un total de 40 persoas, ademais dun pequeno grupo de pacientes sen diagnóstico médico), “no futuro esperamos ampliar os grupos de control e, chegado o caso, explorar novas posibilidades de colaboración científica e tecnolóxica”, afirman desde o IRL.
NUMADELIC pon en valor a capacidade da tecnoloxía para transcender disciplinas e mellorar a vida das persoas. “Demostrar que as contornas de Realidade Virtual multiusuario poden axudar a aliviar a ansiedade e a depresión que enfrontan as persoas con diagnósticos terminais, como sucede con algúns tipos de cancro, representa un reto significativo na nosa investigación. É importante desenvolver novas formas de apoiar a saúde mental de quen afronta unha enfermidade, así como a dos seus familiares e seres queridos”. Desde o laboratorio IRL explican que a medicina moderna ten desenvolvido unha ampla gama de enfoques para tratar os corpos físicos dos pacientes con doenzas potencialmente mortais ata o momento da súa morte; porén hai significativamente menos recursos dispoñíbeis para axudar aos pacientes a xestionar o medo, a incerteza e a soidade que adoitan acompañar un diagnóstico terminal. NUMADELIC nace co propósito de contribuír ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que aborden esa carencia.
“Este proxecto ten o potencial de transformar as nosas actitudes cara á morte e o proceso de morrer, algo que a nosa cultura precisa desesperadamente”, opina David Glowacki, engadindo que “en termos xerais, a nosa sociedade tende a ignorar a realidade da morte, enfatizando, no entanto, a supervivencia por riba de todo; isto non é sostíbel a longo prazo”, continúa, apuntando que de xeito eventual “teremos que desenvolver ferramentas para falar, reflexionar e tratar coa morte que igualen o nivel de sofisticación que acadamos noutras áreas”.