Un traballo do CiTIUS (USC), premiado no Congreso Internacional OWPT2023
venres, 5 de maio do 2023
A 5ª
edición do Congreso Internacional sobre Transmisión de Potencia por
Fibra Óptica e Sen Fíos (OWPT2023) celebrado en
Yokohama (Xapón) vén
de recoñecer co premio Paper Award un traballo do Centro
Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da
Universidade de Santiago de Compostela (USC). O equipo premiado
está conformado por Javier Fernández Lozano, Natalia Seoane,
Antonio García-Loureiro e Enrique Comesaña.
O dito Congreso é unha conferencia pioneira e considerada como o
encontro científico de referencia global na transmisión de potencia
láser, como demostra cada ano a presenza dos maiores expertos
mundiais na área. “A transmisión óptica sen fíos de enerxía
consiste, en poucas palabras, en enviar enerxía a un receptor
fotovoltaico a través dun láser”, conta o primeiro autor, Javier
Fernández Lozano e engade que “neste traballo, fomos quen de
mellorar un 20% a eficiencia destes receptores, propoñendo novos
materiais na súa construción”.
No artigo premiado, o equipo do CiTIUS modelizou e optimizou un tipo
de receptores fotovoltaicos baseados na arquitectura VEHSA (a máis
avanzada na actualidade), propoñendo como novidade o uso de novos
materiais, como o carburo de silicio. “Con iso, non só conseguimos
ampliar notabelmente a eficiencia dos nosos dispositivos, senón que
podemos converter potencias de láser moito maiores”, subliña. O
investigador predoutoral do CiTIUS salienta que estes resultados
“abren o camiño cara a unha nova xeración de conversores de
potencia láser ultra eficientes”.
O labor do equipo do CiTIUS chamou a atención dos responsables do
congreso, que comunicaron a súa decisión dando os seus parabéns
aos autores “tras unha rigorosa revisión por parte do Comité do
Programa OWPT2023”.
