Que os proxectos de máis éxito en Kickstarter fosen o smartwatch Pebble, a consola OUYA e o reprodutor multimedia Pono daba a entender unha clara orientación tecnolóxica á hora de trunfar no micromecenado, pero un novo invento vén de demostrar que pode afastarse un pouco do camiño para situarse como o proxecto con máis fondos recadados ata o momento, e a menos dun día para o remate da súa campaña a Coolest Cooler superou xa os 11 millóns de dólares, de xeito que adiantaría ao Pebble por máis dun millón de dólares.
Non só é curioso que unha neveira portátil poida converterse na campaña de máis éxito en Kickstarter, senón tamén que pode ser unha grande lección para este tipo de proxectos, xa que hai medio ano xa procurara xuntar 125.000 dólares nesta plataforma, fracasando no intento. Os responsables desta campaña están convencidos que relanzar o proxecto coidando máis a súa aparencia, elixindo unha boa época para a campaña (no verán o público está máis interesado en neveiras que no inverno) e desenvolvendo unha comunidade antes do lanzamento foron factores chave para que na segunda volta puidesen non só trunfar, senón acadar un éxito sen precedentes.
A Coolest Cooler non só funciona como unha neveira portátil, senón que tamén pode empregarse como altofalante Bluetooth resistente á auga, cargador USB para os nosos dispositivos móbiles, lanterna LED, táboa de cortar e abridor de botellas. Conta con rodas para facilitar o seu transporte e espazo para transportar pratos e cubertos. Está dispoñible a un prezo de 185 dólares (216 euros cos gastos de envío incluídos) e prevén remitila aos seus mecenas a partires do mes de febreiro de 2015.
Unha neveira portátil convértese no produto de máis éxito en Kickstarter
Compartir Este Artigo
