Unirisco investirá máis de 100.000 euros en InVerbis

mércores, 22 de setembro do 2021 Redacción

A sociedade de capital risco impulsada polas universidades e principais empresas de Galicia, Unirisco, anuncia un investimento de máis de 100.000 euros na empresa InVerbis Analytics, unha startup para a optimización intelixente de procesos empresariais creada no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela ( CiTIUS) e que contou co apoio económico do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié.
«A plataforma presenta a opción máis flexible do mercado internacional, tanto para análise de procesos como para integracións con outras aplicacións de negocio: ERP, Business Intelligence, etc.». Gonzalo Martín, CEO de InVerbis, explica os fundamentos tecnolóxicos da empresa: «a minería de procesos aplica a Intelixencia Artificial para descubrir a execución real das actividades das empresas, de tal forma que poden detectarse todas as alternativas empregadas para obter o mesmo resultado, e identificar cáusaa raíz que explique por que a indicadores clave de rendemento de certas actividades presentan desviacións».
A directora xeral da sociedade de capital risco, Inmaculada Rodríguez Cuervo, afirmaba nun comunicado que «esta alianza mostra o compromiso de Unirisco co desenvolvemento do talento tecnolóxico en Galicia, co apoio aos proxectos en Intelixencia Artificial e coa continuidade dun proxecto que naceu hai máis de 20 anos, sendo a única empresa de capital risco vinculada ás Universidades».
Así mesmo, quixo subliñar a aposta da organización co mundo da innovación e a tecnoloxía, asegurando que Unirisco continuará avanzando nesa liña: «nós queremos reafirmar o noso compromiso con estes proxectos, que seguiremos apoiando; e por suposto, o compromiso de dar a coñecer InVerbis, para ir xerando unha visibilidade máis que necesaria», explicou.

PUBLICIDADE