Verkami pecha os seus primeiros 4 anos de actividade con 139 proxectos galegos financiados
venres, 13 de febreiro do 2015
A plataforma de micromecenado española Verkami
está a celebrar os seus primeiros catro anos de actividade facendo un repaso da
súa traxectoria na que destacan a súa contribución a facer realidade
produtos culturais, en contraste co que acontece en plataformas de ámbito
internacional nos que a electrónica de consumo consegue imperar.
Verkami serviu para facer realidade os soños de moitos creadores, de xeito que
libros, discos, xogos, cómics... un total de 2.674 proxectos conseguiron
financiamento grazas aos 13 millóns de euros que achegaron 350.000 mecenas durante
estes 4 anos de actividade. No
caso galego foron 139 os proxectos financiados por 17.000 mecenas que
achegaron 551.000 euros, sendo os proxectos de máis éxito o xogo de
supervivencia Huida
de Silver City: La Invasion, a longametraxe DHOGS
e a novela gráfica DestiNo HëRgüsS de
Manel Cráneo.
Os volumes que move Verkami son moito máis modestos que os de outras
plataformas como Kickstarter ou Indiegogo, o que non impediu que o filme L’Endemà conseguise
348.830 euros grazas ao apoio de 8.101 mecenas ou que o xogo La Puerta de
Ishtar conseguise superar un 572% o seu obxectivo, deixando claro que
para lanzar un proxecto de micromecenado ten moito peso a elección de
plataforma, sendo Verkami unha das máis axeitadas para produtos culturais, o
que testemuña que a súa porcentaxe de éxito sexa do 70%, o máis elevado do
mundo segundo os seus responsables.