VermisLab converterá Santiago nun campamento espacial para escolares
martes, 20 de marzo do 2018
- O astronauta Scott Kelly, coa camiseta oficial de VermisLab
VermisLab,
o proxecto educativo galego impulsado por Vermis
Project (estudo galego de deseño e desenvolvemento) destinado a
equiparar as posibilidades educativas e laborais da mocidade da nosa
terra con respecto á dos países máis avanzados en divulgación e
capacitación STEM, vai organizar este mes un campamento espacial
para nenas e nenos de máis de seis anos. A iniciativa Colonizando
Marte, que se vai celebrar na sede de VermisLab en Compostela entre o
26 e o 28 de marzo, segue en boa medida o ronsel de éxito de
Gastrociencia,
o campamento do ano pasado, unha experiencia que converteu Santiago
(durante cinco días) en obradoiro gastronómico e laboratorio.
Para
a cita deste ano contarase coa participación de Scott Kelly, o
astronauta estadounidense que máis tempo pasou no espazo, que
achegará aos alumnos a súa experiencia a través dun vídeo feito
ex profeso. Amais, haberá moitas outras actividades
innovadoras, como por exemplo a simulación dun lanzamento espacial
en vivo.
Un
dos obxectivos básicos é “converter ás nenas e nenos en
auténticos astronautas”. Para isto, terán que conseguir viaxar a
Marte e desenvolver as condicións necesarias para poder facer vida
neste planeta. Por temáticas, as accións propostas tocan un amplo
abano de cuestións de gran actualidade e interese, como por exemplo
bioloxía, bioenxeñaría, física, electrónica ou robótica. Como
dixemos, os astronautas disporán dun transbordador espacial real a
través do cal simularán o lanzamento dunha nave espacial con rumbo
a Marte, o obxectivo será chegar sans e salvos ó planeta vermello.
VermisLab,
explorando novas posibilidades
VermisLab
é un proxecto de innovación educativa (cuxa sede sitúase na rúa
do Tambre, número 61, en Santiago de Compostela) que explora novas
posibilidades no eido da formación, co obxectivo de “potenciar a
creatividade e estimular a curiosidade do alumnado polas novas
tecnoloxías, o deseño ou a ciencia”. Este proxecto está formado
por máis de vinte profesionais galegos de diferentes ámbitos, como
a enxeñaría, a física, o deseño, a arquitectura, a comunicación
ou a psicoloxía, os cales colaboran para desenvolver novas propostas
formativas á vangarda da educación.