WhatsApp comeza a permitir o intercambio de documentos PDF

mércores, 2 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A pasada noite os usuarios de WhatsApp que descargaron a aplicación para Android dende a páxina web da compañía ou están inscritos ao seu programa de testing oficial (que contan actualmente coa versión 2.12.493 da aplicación), e nas últimas horas tamén os que actualizaron a aplicación oficial no seu móbil, ven como á hora de engadir ficheiros adxuntos nunha conversa mudan as opcións dispoñibles, de xeito que o envío de imaxes e vídeos fusiónase nunha única icona (Galería) mentres que aparece a opción nova de Documento, que inicialmente está reservada para o intercambio de documentos en formato PDF.
Amais, cando estamos dentro dunha conversa e imos á sección de axustes do contacto temos a posibilidade de acceder a Archivos, onde agora temos tres categorías distintas: Archivos, Documentos e Enlaces. Deste xeito faise doado localizar os ficheiros e ligazóns compartidas a través de WhatsApp.
Cómpre salientar que na configuración de Descarga automática dentro de Chats y llamadas, temos agora a posibilidade de indicar os tipos de ficheiros que queremos que se descarguen automaticamente cando estamos conectados mediante unha rede móbil, de xeito que se queremos evitar consumos excesivos recoméndase desactivar a recepción automática de vídeos e documentos.