WikiLeaks desvela as técnicas de espionaxe electrónica da CIA
martes, 7 de marzo do 2017
WikiLeaks inicia a publicación do que consideran que é a
meirande filtración de documentos confidenciais dunha axencia gobernamental que
baixo o nome de Vault 7 inclúe inicialmente
8.761 documentos e ficheiros extraídos das instalacións de intelixencia
cibernética da CIA en Langley (Virginia) e dando conta tamén de que hai
pouco a Axencia perdeu o control do seu arsenal de hackeo (que inclúe malware, virus, troianos, fallos de
seguridade...) que facilita o acceso sen autorización a numerosos equipos e
dispositivos, o que agora poden facer os posuidores de todas estas ferramentas
(incidencia que facilitou boa parte dos datos filtrados por WikiLeaks).
Entre os dispositivos que a CIA podería empregar para os seus labores de
espionaxe estarían os smartphones con Android e iOS, equipos con Windows e
incluso televisores conectados de Samsung, que poderían converterse en escoitas
camufladas, á vez que tamén poderían acceder
a información de aplicacións como WhatsApp, Signal, Telegram... xa que a
súa comunicación cifrada non podería evitar a vulneración da seguridade destas
plataformas unha vez que os propios terminais móbiles están comprometidos.
Segundo WikiLeaks, ao remata de 2016 a división de hackeo da CIA tería máis de 5.000 usuarios rexistrados e tería
producido milleiros de ferramentas informáticas (malware) o que practicamente
correspondería a ter a súa propia NSA, pero sen ter que dar contas das súas
actividades.
Pero a CIA non só estaría a buscar facerse con datos de xeolocalización,
comunicacións de texto e audio ou acceder á cámara e ao micrófono de
smartphones, senón que, segundo WikiLeaks, tamén buscaría métodos para infectar
os sistemas de control de coches e camións modernos, de xeito que poderían
chegar a provocar asasinatos indetectables.
A documentación de WikiLeaks tamén amosa unha desproporción de recursos
dirixidos a vulnerar a seguridade do iPhone, smartphone cunha conta de mercado
global moi reducida (o 14,5%) pero que sería moi frecuente entre políticos,
diplomáticos e empresarios, de aí que se xustifique que teñan unha división
específica para producir malware para infectar os teléfonos e tabletas de
Apple.
A CIA tamén desenvolveu sistemas automatizados de malware multiplataforma que
afectarían a Windows, macOS, Unix, Linux... e incluso numerosos routers e
dispositivos conectados, polo que as posibilidades de introducirse en sistemas
son moi diversas, aínda que o desenvolvemento de todas estas armas teñen como grande problema que ao perderse poden ser aproveitadas por
calquera, de xeito que supoñen unha ameaza xeral á seguridade de calquera
usuario.
Esta última filtración de WikiLeaks prodúcese agora ante a orde presidencial da
administración Trump para realizar unha análise sobre a ciberguerra, polo que consideraron que era un bo momento para
desvelar os documentos recollidos de entre 2013 e 2016 que obtivéronse durante
o ano pasado.