Xa é posible contratar Internet por satélite no rural por 35 euros/mes

luns, 19 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Hai uns meses, no marco do programa UNICO Demanda Rural, aprobouse unha convocatoria de axudas para garantir o acceso de banda larga de 100 Mbps a un prezo de 35 euros/mes para o usuario final valéndose das conexións por satélite de Hispasat, e xa temos dispoñible a páxina web na que detallan o funcionamento deste tipo de conexión á Rede que contrátase a través de operadores minoristas.
Esta solución de Internet por satélite promete unha instalación doada, boa velocidade de descarga e dispoñibilidade en practicamente a totalidade do territorio español, poñendo espacial detalle no contorno rural. As conexións terán unha velocidade mínima de 100 Mbps de baixada e 5 Mbps de subida durante este ano, prevéndose que ambas velocidades sexan de 200 Mbps e 10 Mbps a partir de xaneiro de 2024, aínda que como grande carencia teñen unha latencia media máxima de 690 milisegundos.
Os operadores minoristas pagarán como máximo 16,68 euros/mes (impostos non incluídos) a Hispasat, mentres que o usuario final pagará como moito 35 euros/mes, contando tamén o usuario final unha subvención pola alta de até 600 euros (o que normalmente suporá que sexa de balde para o consumidor).
O servizo conta cun limite de datos mensual de 150 GB/mes, que unha vez superados non suporá a supresión do servizo, senón unha redución da prioridade no acceso aos recursos de rede (polo que nos momentos de maior demanda suporía unha redución da velocidade).

Un mapa permite consultar se estamos nunha zona na que podemos beneficiarnos do programa UNICO Demanda Rural

Este novo servizo subministrado por Hispasat comezou a operar o pasado día 12 e manterase até o 31 de decembro de 2027 coas condicións establecidas.
Para contratar o servizo hai que estar nalgunha das zonas elixibles dentro do plan UNICO Demanda Rural que pode consultarse nun mapa en liña, aínda que se algún usuario detecta que na súa vivenda non pode contratar ningunha outra conexión de acceso a máis de 50 Mbps pode comunicalo para que poidan incluílo no programa.
En Galicia achegan este servizo as compañías Bluetel, Direct Telecom, Eurona, Gesico, Movistar Syntelix e Rede Aberta (Vento Rede, S.L.U.), tendo estas dúas últimas sedes en Vigo e Santiago de Compostela respectivamente.

PUBLICIDADE