Xercode leva o seu sistema XeBook ás Universidades de León, Valladolid, Burgos e Salamanca

xoves, 20 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

A empresa galega Xercode, especializada en desenvolvemento e servizos de integración de programas abertos, vén de informarnos dun novo traballo de seu levado a cabo en institucións académicas estatais, traballo que engadir ao recentemente realizado para a Universidade Pontificia de Salamanca (onde Xercode levou as rendas dun proceso de migración en materia de xestión bibliotecara cara ao sistema aberto Koha). Pois ben, no seu novo proxecto, a empresa galega facilitou un proceso análogo de adaptación a software libre nas Universidades de León, Valladolid, Burgos e Salamanca. Do que se tratou foi de integrar nestas institucións a plataforma XeBook, recurso desenvolvido por Xercode que permite a bibliotecas e editoriais abordar o préstamo de libros electrónicos.
Os traballos leváronse a cabo a través da plataforma BUCLE (Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Castela e León), que puxo en marcha o servizo de préstano de ebooks en todas as súas bibliotecas universitarias, primeiro en Salamanca e agora en Burgos, León e Valladolid. Segundo informa Xercode, o paso dado por estas universidades realízase a través de XeBook, “un claro éxito nas bibliotecas de Estados Unidos que pouco a pouco vaise introducindo en España”. Por certo que a iniciativa estréase cunha escolma de libros electrónicos de Anaya e das propias universidades, á que se irán engadindo coleccións diversas de carácter científico e investigador.
Como dixemos, XeBook é unha plataforma tecnolóxica, desenvolvida pola empresa Xercode, que permite a bibliotecas e editoriais abordar o préstamo de libros electrónicos. “A través da tecnoloxía de XeBook”, informa a empresa, “as bibliotecas poden incorporar de maneira simple e centralizada o novo fluxo dixital, desde a adquisición e xestión das coleccións dixitais até a incorporación ao catálogo e o acceso aos contidos a través do servizo de préstamo”. A xuízo de Xercode, a dita ferramenta tamén é unha canle editorial a ter en conta, xa que ten potencial para ofrecer a editores e provedores de contidos unha canle transparente e flexíbel “que xera o grao de confianza preciso para o establecemento das relacións contractuais que debe rexer o préstamo de contidos dixitais”.

PUBLICIDADE