Xulia Lomba presenta Contando Historias na plataforma AGalega

martes, 14 de xaneiro do 2025 S. P.

A plataforma de CRTVG, AGalega, vén de estrear unha nova miniserie na súa sección de contidos para a xeración Z (xeración do milenio). Trátase de Contando Historias. A través de cinco episodios divulgativos, explóranse distintas conexións entre o pasado e o presente. E faise, en palabras da produtora Brava, “nun ton dinámico e cunha linguaxe desenfadada”.
A produtora explica que este novo programa demostra que pasado e presente comparten moitos máis puntos en común dos que imaxinamos nun inicio, e “que estamos máis preto do que pensamos e de formas nas que nunca pensaramos”. Así, abórdanse cuestións como a evolución do comercio marítimo, cantas veces se pensou que chegaría a fin do mundo, en que se parece a COVID á peste negra, o papel do viño na sociedade medieval e na actualidade ou que elementos da cultura xudía seguen presentes no noso día a día. Todo isto cóntao a presentadora Xulia Lomba, xornalista graduada pola Universidade de Santiago de Compostela que conta cunha destacada traxectoria dentro da Televisión de Galicia. Tamén e cofundadora de ACousa, revista galega de lifestyle en liña, a cal ten xa tres anos.
Contando Historias é un formato creado por Brava, unha produtora galega emerxente liderada por Cristela Torres e Bea Villar. Brava produciu xa varios contidos para AGalega, como Raíña-me! (Álvaro González, 2024) ou a segunda temporada de Pringadas (Belén Puime, 2024), e outros proxectos como A moza que abortou e o contou (Eire Cid, Rosalía Quiroga, 2024), webserie gañadora do Premio a proxecto Carballo Interplay 2023.