Yoigo estrea unha tarifa plana de voz e datos por 30 euros/mes

xoves, 24 de maio do 2012 Marcus Fernández

O cuarto operador móbil dixital de España, Yoigo, parece querer facer fronte ás agresivas tarifas dos Operadores Móbiles Virtuais, e a partir do 1 de xuño vai ter dispoñible para todos os seus clientes (tanto actuais como novos) un par de tarifas realmente atractivas: La del dos e a Tarifa Infinita.
Esta última tarifa é toda unha sorpresa, pois por 30 euros/mes + IVE ofrece chamadas nacionais sen límite de minutos nin establecemento de chamada (cun límite de 300 destinos/mes), con 1 Gb de transferencia de datos (que superados reducirá a súa velocidade a 64 Kbps) e con mensaxes de texto a 10 céntimos. Para gozar desta atractiva Tarifa Infinita é preciso contraer un compromiso de permanencia de 18 meses.
Precisamente para os usuarios que queiran fuxir de permanencias, e que tamén busquen uns prezos moi axustados, Yoigo presenta a tarifa La del dos, que ofrece chamadas nacionais a 2 céntimos/minuto cun establecemento de chamada de 15 céntimos, mensaxes de texto a 10 céntimos, 1 Gb de transferencia de datos (que superados reducirán a súa velocidade a 64 Kbps) por unha cota mensual de só 9 euros (a estes prezos habería que engadir sempre o IVE). Unhas condicións moi atractivas para os usuarios que non realizan moitas chamadas, que poden estar así conectados e ter un prezo de chamadas por minuto co que é difícil competir.