Yoigo prepara piloto de 5G

martes, 1 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Vodafone leva xa meses ofrecendo telefonía móbil 5G aos seus clientes, durante o verán dende Orange desvelaron que tamén estrearían rede 5G en 2020 (dando a entender que o lanzamento comercial sería este mesmo setembro), e hoxe mesmo Telefónica anuncia o arranque da súa rede 5G prometendo cobertura para o 75% da poboación antes do remate do ano, pero sen estrear aínda o servizo comercialmente (polo que descoñecemos as súas condicións).
Unha vez que se coñece que as tres principais operadoras non queren quedar atrás na 5G, falta por ver o que farán as compañías máis cativas, e curiosamente na revista de Yoigo inclúen unha páxina dedicada ao tema, na que indican que como primeira tarefa para o novo curso é lanzar un programa piloto da 5G, que botará a andar en varias cidades españolas, comezando por Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Málaga e Logroño.
Dende Yoigo aseguran que as súas conexións 5G ofrecerán as melloras propias da nova xeración de telefonía móbil sen modificacións no prezo.

PUBLICIDADE