YouTube inicia a apertura do seu servizo de vídeo en directo

venres, 8 de abril do 2011 Marcus Fernández

Tras numerosas probas de emisións en directo con tecnoloxía allea, YouTube anuncia que o seu servizo que supera os 2.000 millóns de reproducións de vídeos gravados ao día vai dar o salto ás emisións en directo de concertos, eventos deportivos e entrevistas, contidos cun calendario que pode consultarse na nova páxina de YouTube Live, espazo que acollerá o novo servizo de streaming en probas, que inicialmente presentará material de YouTube e dun grupo reducido de partners (principalmente os que non tivesen ningunha reclamación de copyright).
Un dos primeiros eventos que van poder seguirse en YouTube Live é o DigiTour, xira organizada por YouTube que percorrerá durante 6 semanas 27 cidades norteamericanas para achegarse a artistas como Dave Days, The Gregory Brothers, David Choi, DeStorm, MysteryGuitarMan e Ricky Ficarelli, que levarán a súa música e enerxía ao escenario, para gozo de todos os que poderán seguilos en directo a través da Rede. Tamén será posible adquirir entradas para ver algún concerto desta xira en persoa.
YouTube leva un tempo probando a nova tecnoloxía de emisión en directo, e agora os partners que accedan á súa plataforma de probas poderán gozar non só da posibilidade de poder retransmitir vídeo en directo a través da Internet, senón tamén a posibilidade de dar a coñecer a súas retransmisións en liña entre os seus subscritores en YouTube. Para garantir o bo funcionamento do novo servizo, a aceptación de novos usuarios farase de xeito paulatino.

Algúns partners de YouTube xa poden retransmitir vídeo en directo

PUBLICIDADE