Youtubeiras IX bate récord de participación e prepara gala final: o 7 de febreiro no Jofre de Ferrol
martes, 20 de xaneiro do 2026
A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten finalistas. Un total de 28 canles competirán polos sete galardóns dun certame que volve bater a súa marca histórica de participación, cun total de 126 inscritas. A gala de entrega de premios celebrarase o vindeiro 7 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol e o acceso será libre ata completar a capacidade.
Os Premios Youtubeiras+ están organizados polos servizos de normalización lingüística de varios concellos galegos (Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo), polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e mais pola Deputación da Coruña, entidade que forma parte da organización desde a primeira edición e que financia cada ano a gala de entrega.
Na cita participaron o rexedor ferrolán, José Manuel Rey, e maila deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, que agradeceu a implicación do Concello de Ferrol no proxecto e a cesión do Teatro Jofre como escenario da gala. Asemade, puxo en valor a capacidade de Youtubeiras+ para “unir administracións, entidades e persoas ao redor da normalización do galego”. Segundo sinalou, o certame “abre un camiño de futuro para a lingua” ao poñer o foco na mocidade e nos espazos virtuais.
Lembrou que Youtubeiras+ é un “proxecto vivo” que evoluciona ao mesmo ritmo que a comunidade creadora de contidos en internet e explicou que desta vez se premian sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Calidade lingüística, Revelación, Rede e Premio do Público. As dúas primeiras contan cunha dotación de 1.250 euros e o resto con premios de 1.000 euros, ata repartir un total de 7.500 euros.
Entre as novidades, destacou a creación do Premio ao Mellor Pódcast, unha categoría que quere recoñecer o papel crecente deste formato para a lingua galega e que marcará tamén o formato da gala, concibida como a gravación ao vivo dun episodio especial do Pódcast Youtubeiras+.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, salientou a importancia da colaboración entre institucións para facer posible o proxecto e subliñou o valor de iniciativas que conectan a lingua galega coas novas xeracións. Na súa intervención, a concelleira de Política Lingüística, Patricia Cons, congratulouse pola alta participación, con 126 canles concorrentes, e referiuse tamén ao Premio do Público, no que se presentaron 49 propostas e se contabilizaron 2.326 votos.
A cerimonia de entrega de premios comezará ás 19:00 horas e estará conducida por Carlos Vieito, de Exército Mekemeke, e Leila Fernández, d’O Faiado Pódcast. Os billetes poden retirarse de balde a través da plataforma ataquilla.com ou no despacho do Teatro Jofre o propio día da gala.
Sol Agra quixo tamén poñer en valor o traballo do xurado responsable de escoller as persoas finalistas e gañadoras desta edición, cuxo ditame coñecerase durante a gala do 7 de febreiro, e convidou a cidadanía a participar nesta “gran festa da lingua nas redes”.
