
Segundo fai saber o Consorcio, que recalca que estamos ante “unha das aceleradoras máis potentes de España”, o prazo para concorrermos na nova edición estará aberto ata o vindeiro 15 de xullo. “Nesta terceira convocatoria”, informa a Zona Franca, “os proxectos seleccionados accederán a un programa académico a desenvolver nas sedes de Lugo e Vigo”, segundo a escolla dos promotores. A fase final, a fase da aceleradora, realizarase de maneira exclusiva no Centro de Negocios de Porto do Molle, en Nigrán, “onde se facilitarán os medios precisos para o proxecto empresarial ata convertelo nun negocio rendible e sustentable”.
A nova edición agroma dunha suma de esforzos por parte da Zona Franca e a Xunta de Galicia. O financiamento que se fará chegar aos quince proxectos finalistas acadará nesta convocatoria a cifra de 1.875.000 euros, entre capital semente e achegas a fondo perdido, máis outros 375.000 euros en gastos de formación e consultoría.
VíaVigo 2015 é un programa de apoio e asistencia a emprendedores promovido polo Consorcio e a Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e da sociedade xestora de dos fondos de capital-risco da Xunta (XesGalicia) e tamén pola sociedade de capital-risco do Consorcio, Vigo Activo.
As iniciativas seleccionadas terán ao seu dispor as infraestruturas precisas para activar a empresa; contarán con profesionais e expertos que lles asesorarán ao longo de todo o proceso, e mesmo os adestrarán para presentar canda un dos proxectos a investidores privados que poidan aportarlles financiamento e outros recursos.
Para inscribirse habilitáronse as plataformas viavigo.es e viagalicia.gal, onde se facilita toda a información dos diferentes pasos de selección. Segundo informan os impulsores da iniciativa, os participantes poderán ver como unha vez inscrito o proxecto este será valorado polo Comité Técnico do Programa que preseleccionará ata 40 ideas de negocios por cada sede entre as que mellor respondan aos criterios de innovación, “acelerabilidade e investibilidade”. No seguinte paso, cada grupo dos corenta seleccionados pasarán a participar no Startup Day a celebrar en Lugo e Vigo nunha xornada na que se seleccionarán os seguintes 20 mellores proxectos que poderán continuar nas dúas academias e dos que, noutra avaliación, sairán os 15 finalistas para a fase de aceleradora que se celebrará con una única sede en Porto do Molle. Estes 15 finalistas poderán recibir apoios económicos de ata 125.000 euros.
VíaVigo abre sede en Lugo para a súa terceira edición de apoio ao emprendemento innovador
Compartir Este Artigo

