nVIDIA confía en retomar as vendas de hardware de IA en China

martes, 15 de xullo do 2025 Redacción

O fundador e conselleiro delegado de nVIDIA, Jensen Huang, intensificou este mes a súa aposta pola intelixencia artificial con visitas institucionais a Washington D.C. e Pequín, onde defendeu os beneficios da IA para a economía global e reafirmou o compromiso da compañía coa innovación tecnolóxica.
En Washington, Huang reuniuse co presidente Trump e con diversos responsables políticos para mostrar o apoio de nVIDIA á creación de emprego, ao fortalecemento das infraestruturas de IA nos Estados Unidos e á repatriación da capacidade industrial. Durante a visita, defendeu que os Estados Unidos deben liderar o desenvolvemento global da intelixencia artificial, tanto a nivel tecnolóxico como normativo.
No seu paso por Pequín, o executivo mantivo encontros con autoridades gobernamentais e representantes do sector para abordar o papel da IA no aumento da produtividade e na xeración de novas oportunidades económicas. As conversas puxeron de manifesto a importancia da cooperación internacional para garantir un desenvolvemento seguro e ético da intelixencia artificial.
Huang aproveitou tamén para comunicar aos clientes que nVIDIA está a presentar solicitudes para retomar as vendas das súas procesadores H20 en China. Segundo explicou, o Goberno estadounidense garantiu que concederá as licenzas necesarias, polo que a compañía espera poder realizar entregas en breve.
Ademais, anunciou o lanzamento dunha nova GPU RTX Pro, deseñada especificamente para cumprir coa normativa vixente e pensada para aplicacións industriais avanzadas como xemelgos dixitais en fábricas intelixentes e sistemas de loxística.
Estes anuncios realízanse nun momento doce para nVIDIA, compañía que a semana pasada superou os 4 billóns de dólares de capitalización bolsista, tendencia alcista que está a manter, e xa está valorada en 4,2 billóns de dólares, confirmando a confianza que ten o mercado no seu rol no ámbito da IA.