Alejandro Mosteiro desvela o potencial dos laboratorios do CITIC nos Almorzos TIC Talk

venres, 30 de setembro do 2022 S. P.

Este semana, o martes 27, retomáronse os Almorzos TIC Talk na sede do CITIC (A Coruña), un ciclo de xuntanzas informais dirixidas ao persoal do centro que que se atopa nas primeiras fases da súa carreira, co obxectivo de fomentar o intercambio de coñecemento e potenciar a colaboración. Na sesión deste martes o responsábel de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, fixo un percorrido polas instalacións do centro, centrándose nos novos laboratorios de Robótica, de Realidade Virtual e Localización, e de Impresión 3D, así como o Centro de Procesado de Datos e o Demostrador Tecnolóxico.
A visita comezou no Laboratorio de Robótica, onde se explicaron as posibilidades a futuro da infraestrutura e detallouse o equipamento singular que se instalará en datas vindeiras. Mosteiro ofreceu ao persoal investigador a posibilidade de achegar ideas para futuras peticións de material segundo as necesidades dos seus investigadores, e “tomar parte así na reforma das novas infraestruturas singulares do centro”. A continuación, puideron coñecer o funcionamento do Centro de Procesado de Datos (CPD), que se ampliou recentemente ata case duplicar a súa capacidade.
A continuación, os/as participantes visitaron o Laboratorio de Realidade Virtual e Localización, onde está previsto desenvolver proxectos singulares relacionados co ámbito da localización en interiores, utilizando para iso un guindastre de ponte construída especificamente. Nesta sala, o responsábel de Sistemas mostrou, a través dunha demostración cunha botella con localizadores, o funcionamento do Optitrack, un sistema de captura de movemento baseado en cámaras.
Tamén presentou o equipo de Realidade Virtual e Realidade Aumentada, con equipamento que permite a marcha sen desprazamento para simular camiñar por escenarios virtuais.
No Laboratorio de Impresión 3D, Alejandro Mosteiro debullou as diferentes tecnoloxías de impresión 3D coas que conta o centro, grazas ás que se fabrican pezas a medida para vehículos aéreos non tripulados e produtos de apoio para persoas con diversidade funcional, entre outros.
Para finalizar, o persoal investigador acudiu ao Demostrador Tecnolóxico para probar algúns das contornas de realidade virtual realizadas no centro, así como varias propostas comerciais.

PUBLICIDADE