O Concello, as empresas e a USC fan fronte común en Santiago para acoller a sede a AESIA

mércores, 19 de outubro do 2022 S. P.

Santiago é estes días unha fronte común arredor da candidatura da cidade, xunto coa Coruña, para acoller a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), unha fronte de unanimidade na que están implicados os ámbitos económico, académico e institucional. Así o fixo saber o alcalde Xosé Sánchez Bugallo tras unha xuntanza na que participaron os voceiros dos grupos da Corporación, o reitor da USC e representantes do tecido empresarial de Santiago. Sánchez Bugallo sinalou que unha alianza de candidaturas coa Coruña faría “imbatíbel” a proposta de Galicia.
Tras unha reunión de case dúas horas na que participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, as concelleiras de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de Facenda e Modernización da Administración Local, Marta Abal; os voceiros dos grupos da Corporación Municipal, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e representantes da Cámara de Comercio, do Club Financeiro, do Foro Cívico e da Asociación empresarial do Tambre, a cidade adoptou unha fronte común para demandar que a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial (AESIA) sexa emprazada en Santiago. O alcalde explica que Compostela é "máis forte en 7 dos 11 parámetros que establece o Ministerio para dar acubillo á Axencia" mentres que A Coruña destaca en 4.
"O emprazamento desde o punto de vista das comunicacións co resto de Galicia é claramente mellor, a súa conectividade co resto de España tamén o é cunha estación de tren a 5 minutos, cunha rede de autovía de integración directa, cun aeroporto con máis destinos e máis frecuencias e con equipos de investigación máis potentes e desenvolvidos”, explicaba o alcalde, poñendo o foco en dúas das tres propostas coas que traballa o Concello: a instalación da súa sede na Cidade da Cultura, no edificio Fontán; ou unha sede compartida Santiago-A Coruña, coa parte administrativa na Cidade da Cultura e cos laboratorios e os espazos onde se desenvolvan os proxectos pilotos na Cidade das TIC (A Coruña).
Bugallo tamén fixo fincapé no que feito de que Compostela sexa a sede dos principais servizos autonómicos neste ámbito tecnolóxico, como son o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), localizada precisamente no edificio Fontán da Cidade da Cultura. Aínda que a proposta integradora sería "moi dificilmente batible porque é conxunta", insiste Sánchez Bugallo en que "o noso obxectivo é gañar a nivel nacional" e Santiago “reúne as características necesarias para ser a candidata elixida”, concluíu.

PUBLICIDADE