Raiola Networks presenta a súa nova plataforma de aloxamento en Madrid

mércores, 19 de outubro do 2022 S. P.

Raiola Networks, empresa galega provedora de servizos de hosting posta en marcha hai case unha década (en 2014 polos lucenses Álvaro Fontela e Martín Gómez), vén de dar un paso importante na súa relevante andaina tecnolóxica ao activar a súa nova plataforma de aloxamento en Madrid. A nova infraestrutura, baseada nunha rede propia e servidores Dell ensamblados persoalmente pola compañía, permitirá a Raiola detectar e mellorar os seus puntos débiles de forma áxil.
O lugar elixido para aloxar os servidores é “un centro de datos de primeiro nivel de Madrid”, explicou a empresa, salientado que “a capital española é un lugar ideal para conectarse a Internet, xa que é onde se centralizan a maioría das redes do país”.
Amais, Raiola decantouse por un Centro de Procesamento de Datos de “primeiro nivel”, con conexión ao anel de fibra da cidade, explicaron os responsábeis de Raiola, facendo saber que grazas a esta conexión poden conectar a súa rede interna a varios provedores, garantindo así un excelente servizo aos seus clientes: latencia baixa, bo peering e moita velocidade.
Esta nova rede MultiBGP propia atópase conectada externamente a varios provedores de rede con 50 Gbps de conectividade total. Á súa vez, Raiola está conectada a DE-CIX, que pasa por ser o maior punto de intercambio neutro da Península e un dos máis grandes do mundo.
“Produtos como os servizos de hospedaxe SSD, elástico ou con CMS xa se poden contratar en Raiola Networks coa seguridade de que estarán na nosa nova plataforma situada en Madrid”, engadiu a empresa, anunciando a presentación de máis produtos ao seu catálogo ao longo dos próximos anos “co fin de ofrecer solucións integrais de aloxamento en Internet”.

PUBLICIDADE