O CITIC mostra o seu potencial tecnolóxico ao alumnado do Colexio Plurilingüe Compañía de María

xoves, 20 de outubro do 2022 S. P.

Este martes 18 de outubro a sede do CITIC (Centro de Investigación TIC) no Campus de Elviña recibiu a visita de 18 estudantes de bacharelato do Colexio Plurilingüe Compañía de María, algúns dos cales participan en proxectos do programa STEMbach baixo a titoría de Carlos Dafonte e Minia Manteiga, investigadores do dito centro tecnolóxico da UDC. A visita comezou cunha presentación do CITIC, por parte, precisamente, de Dafonte e Manteiga. Nesta primeira sesión detallaron diferentes ámbitos de aplicación das investigacións realizadas no centro.
Logo, o responsábel da unidade de Sistemas, Alejandro Mosteiro, mostrou algúns dos proxectos expostos no Demostrador Tecnolóxico, centrándose especialmente na robótica e a Realidade Virtual; ademais, o alumnado tivo a oportunidade de probar varias contornas de RV realizadas no centro.
A continuación, as/os participantes acudiron ao CPD (Centro de Procesado de Datos), onde coñeceron o seu funcionamento grazas a Alejandro Mosteiro e Carlos Dafonte, e o percorrido finalizou no novo laboratorio de Realidade Virtual e Localización. O grupo asistiu a unha demostración de localización en interiores para coñecer o funcionamento do Optitrack, un sistema de captura de movemento baseado en cámaras, e tamén probaron os lentes de Realidade Virtual, participando activamente en escenarios virtuais inmersivos.


PUBLICIDADE