Máis de 700 persoas seguiron en Zona Franca a xornada Experiencia Grow Up con Google España

xoves, 20 de outubro do 2022 S. P.

A Zona Franca de Vigo e ClickAge organizaron este xoves 20 de outubro unha xornada para mostrar as últimas tendencias da mercadotecnia dixital con vistas a incrementar a presenza do noso negocio no mundo. Na xornada Experiencia Grow Up participaron máis de 700 persoas. Contouse coa colaboración de Google España. Concretamente, interviñeron especialistas da multinacional tecnolóxica como o xerente de desenvolvemento de Google España, Gonzalo Travesedo ou a estratega de conta de Google Ads, Rocío Beltrán.
O delegado do Estado, David Regades, deulles a benvida e explicou que “a xornada serve para poñerse ao día en mercadotecnia dixital a calquera tipo de empresa, tanto se é unha startup, coma se é unha empresa que se quere dixitalizar ou se está a dar o paso á internacionalización”. Neste sentido sinalou que “desde Zona Franca envorcámonos en axudar ás empresas para avanzar na dixitalización e de feito organizamos varias actividades con Red.es e o Goberno de España para difundir as axudas do Kit Dixital”.
En Experiencia Grow Up, que se puido seguir tanto de forma presencial como en streaming, participaron relatoras de empresas punteiras, ademais de Google, tamén outras compañías como ClickAge, Opositatest, Metricool e tamén Oct8ne.
Os eixos dos relatorios viraron ao redor da unión do negocio físico co dixital; da importancia do factor omnicanle e a tendencia de situar ao usuario no centro da actividade de mercadotecnia; de como a Intelixencia Artificial recorre a sofisticados algoritmos predicindo cal é a acción correcta para cada caso en particular; da análise de datos para unha correcta toma de decisións; de como comunicarnos co noso público obxectivo nas diferentes redes sociais; de como atraer a atención do usuario cara á nosa marca ou transformar visitantes en clientes. Así mesmo, puideron verse algúns casos de éxito, como o de Casa Grande de Xanceda, e tamén a experiencia de Opositatest.
Para Emanuele Ricciotti, director executivo (CEO) de ClickAge e un dos participantes no evento, “foi un momento de crecemento puro. A participación no evento demostrou o acerto no formato”. Ademais, Emanuele engadiu que “os relatorios foron moi enriquecedores con casos de éxito de empresas punteiras. Por unha banda, os asistentes puideron aprender e levar a casa unha bagaxe de tips preciosos e, doutra banda coñeceron máis de preto actores que poden axudarlle a sobresaír nas súas accións dixitais”.
Experiencia Grow Up é a rede que reúne a profesionais dos negocios dixitais, da mercadotecnia e a tecnoloxía, con ganas de ensinar e aprender compartindo as súas experiencias profesionais.

PUBLICIDADE