A Cátedra Telefónica da UVigo organiza unha nova edición de HackForGood

xoves, 20 de outubro do 2022 S. P.

Un encontro para que estudantes e voluntarios traballen durante dous días, de xeito colaborativo, co obxectivo de desenvolver solucións tecnolóxicas avanzadas con finalidades sociais. Este é o gran reto de HackForGood, iniciativa da Rede de Cátedras Telefónica que conta coa colaboración de dúas ducias de universidades estatais (incluída a UVigo), e entidades como a Fundación Hazloposible, a Fundación Telefónica e LoopUp. Trátase do maior encontro tecnolóxico de España por número de participantes. Nesta edición repartiranse máis de 50.000 euros en premios.
A directora en Galicia e Asturias de Telefónica, Paula Beirán, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, inauguran este venres 21 de outubro, ás 10.30 horas no Teatro Cidade Universitaria da Universidade de Vigo, a convocatoria 2022 de Hack for Good. Esta 8ª edición do hackathon HackForGood, organizado pola Rede de Cátedras Telefónica, reunirá a entre o 20 e o 22 de outubro a máis de 1.000 mozos de varias universidades de España para enfrontarse a un centenar de retos tecnolóxicos con fins sociais. O hackaton iníciase o venres ás 9 h. e termina ao día seguinte, sábado, ás 15 h.
Esta iniciativa, enmarcada no Ano Europeo da Mocidade, pretende “contribuír a poñer o foco sobre a importancia da mocidade europea para construír un futuro mellor, máis verde, máis inclusivo e dixital, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás”, en palabras da Rede de Cátedras Telefónica.
Pódese participar de tres formas diferentes: como hacker, programador nun grupo de 2 a 6 persoas; como retador, enviando un reto ou expondo un problema social; como divulgador, dando a coñecer HackForGood. O xurado valorará a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., do mesmo xeito que a creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackathon e o seu impacto social.
A dotación dos premios ascende a 50.000€, entre galardóns locais, para os gañadores de cada sede, e o tres nacionais. Na Universidade de Vigo convócanse tres premios HackForGood locais e catro premios temáticos que en conxunto suman 4.000 euros e que recoñecerán as mellores iniciativas en Innovación Enerxética e Sustentabilidade, Innovación Social e a súa adecuación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel da axenda 2030. Ademais, a iniciativa conta, como en anos anteriores, coa posibilidade de participar nos premios Hack4Good Big Day, que se celebrarán o vindeiro ano na sede de Telefónica.

PUBLICIDADE