Os empresarios de Rianxo asinan un convenio de colaboración coa tecnolóxica Kracia

venres, 30 de setembro do 2022 S. P.

A Asociación Rianxeira de Empresarios comeza outubro con novidades importantes de cara aos seus asociados, poñéndolles á súa disposición a experiencia dunha nova (e innovadora) empresa de apoio. Desta volta, a entidade colaboradora é Kracia Sociedade Cooperativa Galega, con sede en Boiro, que desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da mercadotecnia dixital e que recentemente foi elixida, entre diversos proxectos de todo o territorio español, como Mellor Proxecto Emprendedor do Ano pola Fundación EOI Escola de Organización Industrial, entidade dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e primeira escola de negocios de España.
Kracia está constituída por 5 mozos e mozas cooperativistas das comarcas do Barbanza, Sar e Muros e Noia.
Os servizos de Kracia incluídos no convenio son:
Konsultoría e Estratexia.
Kreatividade.
Kreación Web.
Kampañas Online.
Kommunity Manager.
A través deste convenio, as empresas asociadas da ARE poderán contratar estes servizos a prezos vantaxosos e así beneficiarse do coñecemento dos profesionais de Kracia para impulsar e facilitar a dixitalización dos seus negocios e mellorar os seus resultados.
Recoñecemento en Madrid
Como dixemos, a cooperativa de mercadotecnia dixital Kracia foi galardoada pola Escola de Organización Industrial (EOI) como Mellor Proxecto Emprendedor do Ano. Os seus integrantes recibiron o galardón en Madrid, de mans da ministra de Industria, Reyes Maroto.
Kracia é unha cooperativa formada por cinco mozos e mozas que se dedica á mercadotecnia (marketing dixital) e que está afincada no Viveiro de Empresas do Concello de Boiro. A cooperativa é froito da formación Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo organizada pola Fundación Paideia Galiza, a EOI e a Deputación da Coruña coa colaboración de Deloa e o Concello de Boiro.
Kracia céntrase en cinco áreas: consultaría e identidade de marca, programación e desenvolvemento web, redes sociais, campañas de publicidade online e creación de contidos como imaxe e audiovisuais. “Estamos moi agradecidos por este recoñecemento e porque iniciativas como esta na que participamos promovida por entidades axuden a desenvolver proxectos en sectores con moita proxección como é o marketing dixital”, afirmaron dende Kracia.

PUBLICIDADE