A PlayStation 5 contará cun novo mando moi personalizable

martes, 23 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Dende PlayStation queren seguir os pasos de Xbox cos seus mandos profesionais e, como contrapartida aos mandos Elite presentan os novos mandos sen fíos DualSense Edge, que serían os primeiros de alta rendemento e extremadamente personalizables da marca, buscando ofrecer certa vantaxe competitiva ao permitir unha experiencia de xogo máis adaptada ao estilo do usuario.
O mando sen fíos DualSense Edge ten controis personalizables (permite reasignar determinados botóns, axustar a sensibilidade, reducir o percorrido dos gatillos ou reducir a zona morta para ter unha maior precisión no control do acelerador en xogos de carreiras), permite gardar varios perfís de mando (para adaptarse aos distintos xogos), conta con interface de usuario no mando (o botón Fn específico permite axustar a configuración sen afastar a atención do xogo), as tapas das pancas de xogo e dos botóns posteriores son intercambiables, cada módulo de joystick pode substituírse (facendo que o mando teña unha grande lonxevidade) e mantén as funcións do mando sen fíos DualSense.
O DualSense Edge inclúe un cable trenzado USB-C cunha carcasa do conector para fialo ao mando e que non se desconecte no momento máis inoportuno.Tamén conta cun estoxo de transporte que facilita a carga do mando cando está gardado.
Polo momento non desvelaron nin a data de lanzamento nin o prezo que terá este novo mando que probablemente custará o dobre que un mando ordinario (se atendemos á diferenza de prezo que hai entre os mandos de Xbox normais e Elite).

Vídeo de presentación do mando DualSense Edge

PUBLICIDADE