A Xunta dá o seu apoio a Ponte nas Ondas para a súa candidatura ante a UNESCO

venres, 21 de outubro do 2022 S. P.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comunicou este venres 21 de outubro o apoio da Xunta de Galicia á candidatura de Ponte... nas Ondas! como Modelo de Boas Prácticas da UNESCO, que impulsa a Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura) e de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.
Así o sinalou Román Rodríguez con motivo da súa participación na iniciativa Radio do Patrimonio, un proxecto de radio escolar co que este colectivo busca implicar aos escolares na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial.
O conselleiro de Cultura enxalzou a traxectoria de máis de 25 anos de Ponte... nas Ondas!, unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que opta a ser inscrito no rexistro de boas prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Trátase dunha candidatura conxunta de España e Portugal, presentada en marzo de 2021 e cuxa resolución coñecerase na sesión que o Comité Intergobernamental celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro. “Agardamos que a resposta sexa positiva porque este recoñecemento suporía un gran impulso internacional para favorecer os lazos coa lusofonía”, afirmou.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! emite desde o Pazo de Fonseca, en Santiago, o último dos catro programas desta iniciativa, logo de pasar polas localidades de Cea, Tui e Sarria e co alumnado do Colexio López Ferreiro como convidado especial. A emisión contou con actuacións musicais como a de Pancho Álvarez, que repasou os instrumentos de corda que forman a banda sonora de Galicia. Tanto o capítulo deste venres 21 de outubro como os gravados antes poden escoitarse a través da canle de YouTube de Ponte...nas Ondas! ou no seu portal pontenasondas.org.

PUBLICIDADE