A edición 20 de GaliciaTIC vén cunha Feira de Emprego aberta a centros educativos de toda a nosa xeografía

venres, 30 de setembro do 2022 S. P.

Este mes de outubro, os días 19 e 20, regresa o congreso tecnolóxico en activo máis veterano da nosa terra: GaliciaTIC. A edición 2022 (a número 20) celebrarase novamente en Santiago de Compostela (Edificio Museo Gaiás da Cidade da Cultura), contando como temática central o Crecemento, Dixitalización e Eficiencia. Organizada unha vez máis pola Asociación Ineo, virá con formato mixto de desenvolvemento, coa posibilidade de asistencia virtual. Inclúe conferencias maxistrais, webinarios, mesas temáticas e sesións de networking.
Entre as actividades estrela figura unha Feira de Emprego, prevista para a tarde do mércores 19 e abríndose á participación de mais de 150 alumnas e alumnos de diferentes centros galegos de Formación Profesional en ámbitos TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), e na que poderán participar as empresas a través dun stand de seu. Está confirmada xa a participación do Centro Muralla Romana de Lugo, do Liceo A Paz da Coruña, do Daniel Rodríguez Castelao de Vigo e do CPR CEBM de Vigo.
Outros puntos destacados do programa
-Mesa Ineo. Celebrarase durante a mañá do xoves 20 de outubro, da man da asociación de empresas tecnolóxicas Ineo. Nela poderán intervir aquelas firmas socias que queiran expor os seus produtos e/ou servizos tecnolóxicos.
-Showroom virtual. As empresas poderán expor un produto, servizo ou experiencia tecnolóxica. De ser un elemento físico, exporase no propio lugar do evento, mentres que si é un contido virtual subirase á canle de Youtube de GaliciaTIC. Posteriormente dinamizarase en redes sociais, de cara a unha maior repercusión e visibilidade.
-Comida de clausura, o xoves ás 14:30h, na que se fará unha entrega de premios ás entidades que levan máis tempo apoiando GaliciaTIC. Contarase coa presenza de autoridades e patrocinadores.

PUBLICIDADE