Volve o Campus XuvenCiencia para converter Lugo nun fervedoiro de novos talentos pre-universitarios

luns, 4 de xullo do 2022 S. P.

Este luns 4 de xullo abriu as súas portas en Lugo o Campus de Verán XuvenCiencia, que estará activo ata o 9 de xullo cunha nova edición especial que non só coincide coa volta á normalidade logo da crise pandémica, senón tamén co décimo aniversario da iniciativa. XuvenCiencia, que vén da man do grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC e está inspirada polas universidades para a nenez e a mocidade da Europa central e do norte, achegará este ano “un intenso programa de actividades” na sede universitaria luguesa, sinalaron os organizadores. Xuvenciencia da USC conta novamente co apoio da Deputación de Lugo.
Unha xincana abriu este luns 4 de xullo a axenda nun Campus de Lugo convertido en experiencia de convivencia científica e investigadora. No Campus xuntaranse estes días un centro de estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, que gozarán da oportunidade de converterse en protagonistas dunha programación que inclúe 16 proxectos de I+D, 13 obradoiros e diferentes concursos e múltiples actividades de lecer.
“O noso obxectivo é facilitar que a mocidade participante teña a oportunidade de mergullarse nalgunhas das liñas de investigación máis punteiras que están a desenvolver na actualidade no Campus de Lugo”, salientou a coordinadora do grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia, Mercedes Novo, na sesión inaugural deste campus estival celebrada no auditorio da Facultade de Veterinaria. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, Ana González Abelleira; o deputado provincial delegado da área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a adxunta á presidencia do Grupo Aresa, Carlota López, tamén participaron na apertura institucional deste campamento científico de verán no Campus de Lugo.
O X Campus de Verán XuvenCiencia ofrece 16 proxectos científico-tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e de humanidades, un abano de alternativas nas que poderán participar entre cinco e seis persoas por proxecto. A maioría destas propostas están inspiradas ou cando menos relacionadas con algunhas das investigacións máis punteiras que se desenvolven no Campus de Lugo, como as de peixe cebra para o tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. Os obradoiros e proxectos desenvolveranse nas propias instalacións universitarias, aínda que algunha das actividades tamén inclúe traballo de campo no Museo Provincial de Lugo e no Arquivo Histórico Provincial.
No marco de XuvenCiencia, a profesora na Facultade de Veterinaria e investigadora principal do proxecto Técnicas Innovadoras para a Redución de Antibióticos en Cunicultura (TIRAC), Marta López Alonso, achegará a mocidade interesada aos estudos que se están a desenvolver para analizar se o emprego de algas na alimentación dos coellos de cebo mellora a súa saúde e permite reducir o uso de antibióticos nas granxas. A mocidade xuvencientífica poderá coñecer esta liña de I+D a través dos proxectos Análises clínicas: que me pasa, doutora? e Animal CSI: realidade ou ficción.
A delincuencia común en Lugo no franquismo centra a liña de investigación que desenvolve a doutoranda do programa de Estudos Culturais Tamara López e á que poderán achegarse os participantes no proxecto Facer ciencia coas letras. A proxecto de XuvenCiencia Árbores en tubo de ensaio permitirá introducir á mocidade preuniversitaria na preservación de flora endémica en situación de risco a través do cultivo in vitro de Centaurea ultreiae Silva-Pando (Compositae), unha especie protexida endémica dunha pequena área de Carballo e Coristanco, que está ameazada por atoparse no ámbito de ocupación do parque eólico de Bustelo.
O alumnado dos proxectos de XuvenCiencia AquaLab. Sistema de monitoraxe ambiental con Arduino, Impresión 3D. Converte unha idea en realidade e Controla e constrúe robots! terán a ocasión de coñecer como se poden desenvolver dispositivos sinxelo para a detección de COVID ao abeiro do proxecto de I+D Nanofluidetec, no que participa o profesor e investigador na Facultade de Ciencias Wajih Al-Soufi.
A profesora na Facultade de Humanidades Carme Silva, do grupo FILGA de Filoloxía, achegará aos futuros universitarios ás novas técnicas do relato para a xestión cultural, mentres que Tatiana Fernández tratará as estratexias de dixitalización de museos dentro do paradigma da nova museística.
Amais, segundo lembra a USC, a mocidade interesada nas enerxías renovables poderá mergullarse nas pescudas e ensaios que se están a realizar no marco do proxecto europeo Portos. Autosuficiencia enerxética nos portos de Europa, unha iniciativa europea da que é protagonista a área de Enxeñaría Hidráulica da EPS de Enxeñaría xunto con outras institucións e centros de I+D de Reino Unido, Francia, Irlanda, Portugal e España.
A décima edición do Campus de Verán XuvenCiencia mantén asemade visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, que nesta ocasión serán LARSA, FINSA, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e o Hospital Veterinario Rof Codina.