Medra o uso de tecnoloxías de intelixencia artificial por parte das empresas galegas

martes, 18 de outubro do 2022 Redacción

As tecnoloxías disruptivas están cada vez máis presentes nas empresas galegas, e como mostra vemos que o 10,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega algunha tecnoloxía de Intelixencia artificial, o que sitúa a Galicia no quinto posto do ranking por comunidades autónomas, por diante de Andalucía ou o País Vasco. Isto supón un ascenso no posicionamento de Galicia no contexto estatal, avanzando do noveno posto do ano anterior ao quinto, tras experimentar un crecemento do 50% no último ano.
Entre as empresas galegas que empregan Intelixencia artificial, cabe salientar o seu uso para a xeración de linguaxe natural (3º posto no ranking estatal) ou tecnoloxías que permiten o movemento físico das máquinas a través de decisións autónomas baseadas na observación do entorno, como robots autónomos, vehículos autónomos, drons autónomos... (4º posto no ranking por comunidades autónomas)
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que mostra o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 14,1% conta con especialistas TIC e, neste tramo empresarial, é a cuarta comunidade autónoma con máis especialistas TIC en Intelixencia artificial.
O 11,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, experimentando un crecemento do 21,8% no último ano. Ademais, o 7,72% emprega a robótica, en valor practicamente idéntico á media estatal.
Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2021/2022 publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.

<tronaitalización das empresas galegas de 10 e máisempregados

As empresas galegas de 10 e máis empregados son líderes no uso do software libre co 86,7%, superando en 4,5 puntos a media estatal.
As empresas galegas tamén incorporan á súa xestión as vantaxes do teletraballo e o traballo remoto. O 48,7% das pemes e grandes empresas galegas leva a cabo reunións remotas, ocupando o sexto lugar no ranking estatal.
En Galicia, o 95,7% das empresas de 10 ou máis traballadores dispoñen de conexión a Internet fixa e o 88,7% ten contratada banda longa móbil. No último ano aumentou un 6% a porcentaxe de empresas de 10 ou máis empregados con conexión a internet de banda ancha de máis de 100 Mbps, acadando xa o 71%.

Dispoñibilidade de web e redes sociais

As empresas de menos de 10 empregados de Galicia seguen a superar a media estatal no uso de medios sociais, no que acadan a sexta posición a nivel estatal. O 30,7% destas empresas xa dispoñen de páxina web, ocupando así o cuarto lugar entre todas as comunidades autónomas.
A contratación de Internet entre as microempresas galegas sitúase no 80,3%. Entre as empresas con conexión á Internet, un 87% opta pola banda larga móbil, superando a media estatal en 4,22 puntos porcentuais e experimentando un crecemento do 10,3%.

PUBLICIDADE