O ITG lidera un proxecto para dixitalizar a xestión da auga en España e Portugal

mércores, 19 de outubro do 2022 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participou na presentación dun proxecto para garantir a xestión eficiente e intelixente da auga: o proxecto Aqualitrans II. Trátase dunha iniciativa de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal liderada pola dita entidade con sede na Coruña e que ten como obxectivo específico o de “mellorar a xestión e promover o uso eficiente da enerxía no sector da depuración de augas residuais (EDAR) mediante o aumento do autoconsumo, a dixitalización e o desenvolvemento de modelos innovadores de xestión das estacións depuradoras de Galicia e o norte de Portugal”.
O proxecto, que foi presentado este 19 de outubro na sede de ITG, na Coruña, conta coa participación da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia e o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), o Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI) e a Empresa de Águas e Enerxía da Cámara de Porto.
En concreto, os traballos desenvolvidos por Aqualitrans II permitirán o seguinte: crear unha ferramenta para o dimensionado de solucións de autoconsumo en EDAR; implantar o autoconsumo fotovoltaico; deseñar solucións de dixitalización de enerxía e auga para integración nunha plataforma de xestión avanzada; establecer patróns de demanda enerxética vencellada á operación da EDAR; desenvolver novas funcionalidades na plataforma de xestión avanzada, aliñadas cos obxectivos da transición enerxética, e, finalmente, transferir resultados na contorna das depuradoras. “En definitiva”, explicou o ITG, “os resultados obtidos ofrecerán información e solucións a empresas e organismos públicos para a mellora e evolución da EDAR no ámbito da transformación sustentábel da enerxía”.
ITG será o encargado de desenvolver, en colaboración con INEGA e INEGI, unha ferramenta online para o dimensionado e a análise de viabilidade de sistemas de autoconsumo fotovoltaico para a EDAR, tendo en conta para iso a tipificación da curva de consumo horaria e as características de localización, orientación e superficie dispoñible. Posteriormente, seleccionaranse seis EDAR en Galicia e unha en Portugal para implantar as solucións de mellora da eficiencia para autoconsumo fotovoltaico e de dixitalización de enerxía e auga. Amais, dotarase de novas funcionalidades á plataforma de xestión avanzada desenvolvida en AQUALITRANS, “permitindo así mellorar a eficiencia e a capacidade de xestión da demanda enerxética”, explicou o ITG.

PUBLICIDADE