As protestas contra ACTA chegaron ás rúas en HolandaNos últimos meses son varias as iniciativas lexislativas que, en defensa de intereses corporativos, supoñen unha seria ameaza á liberdade na Internet, e mentres en EE.UU. lograron desbotar as coñecidas como SOPA e PIPA, hoxe tocoulle á Comisión Europea tomar decisións sobre a adopción de ACTA (Acordo Comercial Anti-Falsificación), que entre outras cousas podería penalizar o intercambio de arquivos a través da Internet, de aí que numerosos colectivos como Piratas de Galicia instasen a presionar ás comisións que hoxe avaliaban a medida. Finalmente as comisións ITRE, JURI e LIBE (de Industria, Asuntos Legais e Liberdades Civís respectivamente) opuxéronse a ACTA despois de votacións moi axustadas (agás no caso de LIBE). De todos os xeitos, non estamos ante o rexeitamento final a ACTA en Europa, senón que o Comité de Comercio Internacional (INTA) tamén votará sobre a materia o vindeiro 21 de xuño, para que a primeiros de xullo teña lugar a sesión plenaria final en Estrasburgo.